O emprendemento feminino galego participa na xornada do Día Internacional das Mulleres Rurais en Toledo

Unha adegueira de Ourense e unha gandeira de Palas de Rei forman parte do programa deseñado por Fademur

Santiago, 6 de outubro de 2021- Unha delegación de Fademur-Galicia participa este xoves, 7 de outubro, na xornada “Mulleres Rurais: os piares do impulso do medio rural”. A primeira iniciativa presencial organizada por Fademur dende o inicio da pandemia, que reunirá en Toledo a medio milleiro de mulleres chegadas dende distintos puntos do rural español. Ana Corredoira, gandeira de Palas de Rei; e Dori Rodríguez, adegueira ourensá, forman parte do listado de ponentes que participarán nas mesas de expertas e experiencias deseñadas para a ocasión.

O encontro celebrarase este xoves, a partir das 9:30h, no Auditorio Hotel Beatriz de Toledo. Unha xornada moi agardada debido ás “ganas de volver reunirse e de alzar a voz polos retrocesos que as mulleres rurais sufrimos durante a Covid-19”.

Os coidados, a situación do mercado laboral no rural e a violencia machista serán cuestión presentes nas ponencias da xornada. Encontros que a organización quere aproveitar para poñer o foco no “sobreesforzo que as mulleres tiveron que facer para sobrepoñerse e paliar a ausencia de servizos básicos no rural durante a pandemia”. Así como nas “barreiras para emprender” que aínda seguen atopando; no illamento, na vulnerabilidade e na dificultade de acceso a recursos e servizos que no medio rural complican aínda máis a grave problemática da violencia machista.

Ana Corredoira está detrás de A Cernada; explotación láctea ubicada nunha aldea do concello de Palas de Rei que recentemente ven de impulsar xunto a Granxa Maruxa unha cooperativa que comercializa a marca de leite ecolóxico embotellado Sen Máis.

Dori Rodríguez é a emprendedora detrás de Adegas Celme. Un proxecto ubicado na DO do Ribeiro que ademais de elaborar viños e vermú contribúe a divulgar a cultura vitivinícola e a realidade do rural ourensá a través de actividades e experiencias relacionadas co enoturismo.

A celebración forma parte de “La Vuelta a la España Rural”. Unha xira que baixo o título “Avanzando en feminino, os piares do pulo do medio rural”, Fademur está levando a cabo por todo o territorio estatal coa axuda do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. O programa da xornada complementase cunha feira de alimentos e produtos artesanais elaborados por mulleres rurais de diferentes puntos de España.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio