O Ministerio acepta a petición de Fademur-Galicia para que os letrados condenados por violencia machista sexan apartados da quenda de oficio especializada

A petición de Fademur-Galicia para que os avogados condenados por violencia machista sexan apartados da quenda de oficio especializada neste tipo de delitos ven de recibir o respaldo do Ministerio de Xustiza; que acepta a recomendación remitida polo Defensor del Pueblo que previamente respaldara xa a Valedora do Pobo. A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia celebra o apoio acadado pola súa iniciativa. Un éxito que suporá un avance para garantir o dereito das mulleres vítimas a recibir unha defensa xusta, empática e de calidade.

O MInisterio ven de comunicar ao Defensor del Pueblo que estudará as vías legais posibles para modificar a Lei 1/1996 de Xustiza Gratuíta e regular expresamente a necesidade de que os profesionais da quenda de oficio especializada en violencia de xénero carezan de antecedentes penais nese ámbito. Asimesmo, mentres se adopta o novo regulamento, o Ministerio trasladará a recomendación impulsada por Fademur-Galicia ao Consello Xeral da Avogacía Española para que os colexios profesionais, desde a súa competencia de organización e xestión colexial dos servizos de asistencia letrada e de defensa gratuíta, adopten as medidas pertinentes.

Nos últimos meses Fademur-Galicia iniciou unha rolda de contactos para rematar coa anómala situación que supón que unha muller vítima de violencia machista poida ser defendida por un letrado con antecedentes deste tipo. Feitos dos que constan precedentes, e en vista dos cales a Federación demandou cambios normativos ante a Valeduría do Pobo e a Dirección Xeral de Xustiza. Así como aos grupos do Parlamento de Galicia, que no mes de xuño abordaron o asunto no pleno da Cámara galega a instancias do PSdeG-PSOE.

Fademur-Galicia celebra que o Ministerio finalmente teña recollido as súas demandas, aceptando modificar o marco normativo vixente para introducir unha limitación ao exercicio profesional a nivel estatal. Tras ter sido abordada no Consello Estatal de Asistencia Xurídica Gratuíta do 30 de xuño a petición foi respalda cun escrito do Defensor del Pueblo, que tomou parte para pedir ao goberno central que non desoíse a reclamación de Fademur-Galicia. A Federación celebra agora a boa disposición do Ministerio, e confía en que as modificacións anunciadas poidan entrar en vigor o antes posible.

Igual que se fai no caso dos profesionais que traballan con menores; Fademur-Galicia leva meses solicitando que se recolla como un requisito específico para aquelas persoas que queiran anotarse na quenda de oficio especializada en violencia de xénero a presentación dun certificado de penais actualizado que acredite que ese avogado non ten sido condenado por sentencia firme en relación con un delito deste tipo. Ademais, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais considera necesario que a ausencia de antecedentes deba acreditarse cada certo tempo. E demanda ademais que se estableza a obriga de que os letrados que puideran ser condenados por violencia machista no período de tempo intermedio entre a organización das distintas quendas deban informar ao Colexio de Avogados.

Por outra banda, a Federación demanda que nos casos de violencia machista sexa un mesmo letrado ou letrada quen se encargue de todos os procedementos que puideran derivarse da causa inicial. Unha medida que busca evitar a revictimización das mulleres que padecen estas violencias e aumentar o seu marco de protección e seguridade.

Fademur-Galicia está integrada por 64 asociacións de mulleres rurais das catro provincias galegas. Entre as distintas actividades que realiza figuran as de formación e prevención, así como a atención e acompañamento de mulleres vítimas de violencias machistas.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio