Fademur-Galicia reivindica o papel do emprendemento feminino na loita contra o despoboamento

A organización colabora no deseño do Plan Estratéxico de Gobernanza contra o Despoboamento Rural impulsado pola OCDE e a Comisión Europea

Santiago, 19 de maio de 2021- A visión das mulleres rurais galegas e a experiencia do emprendemento feminino impulsado ao abeiro do programa Ruraltivity serán tidas en conta no deseño da nova estratexia contra o despoboamento que a Comisión Europea impulsa en colaboración coa OCDE. Xunto con outros colectivos e entidades, Fademur-Galicia participa hoxe na comisión de deseño do Plan Estratéxico de Gobernanza contra o Despoboamento Rural. Un foro no que a federación de asociacións quere destacar a importancia capital dos proxectos de emprendemento liderados por mulleres e a súa capacidade de fixar poboación e reveter as preocupantes tendencias demográficas actuais.

Fademur-Galicia quere aproveitar a súa participación neste foro para destacar as dificultades engadidas que enfronta o emprendemento no medio rural; como son as carencias en materia de conectividade, transporte, saneamento ou xestión de residuos; “dificultades que no medio urbán non existen”.  Ademais, lembra que a extensión da cobertura dixital á totalidade do territorio pola que avoga a UE aínda está lonxe de conseguirse. Unha realidade que lastra o desenvolvemento de proxectos en entornos rurais; aos que a banda ancha non chega ou, se o fai, faino cun custo económico engadido, pois a conexión é máis cara nestas zonas.

A federación de organizacións de mulleres rurais tamén lembrou as carencias en materia de servizos (educativos, de conciliación ou sanitarios) coas que convive a poboación do medio rural. E aproveitou a sesión para poñer sobre a mesa as dificultades nos procedementos para optar a axudas que as emprendedoras denuncian. “É necesario que se concedan axudas para cantidades máis pequenas, que son as que realmente precisan e demandan as emprendedoras galegas”, indica Fademur-Galicia. Que explica que o actual sistema exclúe a moitos proxectos; que non poden acceder debido aos mínimos excesivamente altos esixidos. Nese senso, a organización avoga por un redeseño destas liñas de apoio económico máis acorde á realidade; e lamenta que ata o de agora se teña apostado únicamente polo apoio a “grandes proxectos que non son os maioritarios no medio rural galego, e menos por parte das mulleres”.

Coa experiencia do programa Ruraltivity como aval, Fademur-Galicia destaca a importancia de “tecer redes” e apostar por ferramentas de apoio e acompañamento que permitan conformar un tecido emprendedor máis forte no rural.

O Plan Estratéxico de Gobernanza contra o Despoboamento Rural está a recabar experiencias de Asturias, Cantabria, Castilla y León e Galicia. No caso da nosa Comunidade, xunto a Fademur expoñen os seus puntos de vista a Xunta de Galicia; a Axencia Galega de Innovación; a Unión de Cooperativas AGACA; o IGAPE; a Rede Eusumo; e a plataforma Territorio Emprendimiento.

Publicacións creadas 84

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio