Fademur-Galicia denuncia a fenda de xénero que aínda pervive no sector agrogandeiro

Demanda unha implicación decidida das administración para impulsar medidas efectivas para o pulo dun rural en igualdade

 

Santiago, 8 de marzo de 2022- A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia fai un chamamento para que Concellos, Comunidade Autónoma e Goberno central opten pola discriminación positiva en todas as políticas e iniciativas de apoio ao emprendemento e apoio ao medio rural e redobren esforzos para impulsar o acceso das mulleres á titularidade compartida. Coincidindo co 8 de Marzo, Fademur-Galicia lembra a diferencia nos tempos de cotización que segue a existir entre as traballadoras e os traballadores do sector agrogandeiro. Unha situación discriminatoria que se traduce en menos dereitos e acceso das mulleres a pensións inferiores a aquelas que os seus compañeiros homes perciben ao final da súa vida laboral.

Fronte aos 38 anos de media que cotizan os homes, as mulleres fano apenas 20. Un dato que ten moito que ver coa ausencia de corresponsabilidade e co feito de que tanto as tarefas do fogar como os coidados de fillos, maiores e dependentes seguen a recaer maioritariamente sobre as costas delas.

Fademur-Galicia lembra que a Lei de Fomento do Acceso á Titularidade Compartida segue sen dar os froitos desexados. Dende a súa posta en marcha en 2012 tan só 31 explotacións galegas se acolleron a esta fórmula. 2021 pechou con únicamente 5 novas incorporacións máis das rexistradas un ano atrás. Un avance lento que reafirma a necesidade dunha maior implicación das administracións para conseguir unha aplicación efectiva desta lei.

A pesar do seu papel esencial e do traballo que de facto desempeñan no medio rural; as mulleres rurais seguen a manterse maioritariamente nun segundo plano. A pesar de que o 57% das perceptoras da PAC son mulleres, as achegas que perciben son un 40% inferiores ás que lles chegan aos homes; xa que as explotacións xestionadas por elas adoitan ter un carácter máis familiar e teñen un tamaño ata un 55% inferior.  Nese senso, Fademur-Galicia celebra a incorporación da perspectiva da xénero como un dos obxectivos estratéxicos que rexerá a Política Agraria Común no novo período 2023-2027. E insta a Goberno central e Xunta de Galicia a implicarse de xeito decidido para conseguir que este novo enfoque revirta nun medio rural máis igualitario, contribúa de xeito efectivo a diminuír a fenda de xénero existente no sector agrogandeiro e fomente unha maior participación das mulleres.

A Federación lembra que a taxa de desemprego feminino nos núcleos rurais está un 25% por riba do masculino. O 50,7% das mulleres rurais de entre 20 e 65 anos está en situación de desemprego ou inactividade laboral. E o 87% das traballadoras que solicitan reducións de xornada ou renuncia ao emprego para asumir o coidado de fillos, maiores ou dependentes son mulleres (que verán mermado o seu tempo de cotización e accederán a unha pensión menor que as que perciben os homes).

Novo Estatuto da Muller Rural

Fademur-Galicia insta tamén á Xunta de Galicia a actuar con celeridade e eficiencia para que o novo Estatuto da Muller Rural promovido pola Federación e respaldado de xeito unánime polo Parlamento de Galicia no mes de outubro poida converterse canto antes nunha ferramenta real e verdadeiramente efectiva para a promoción da igualdade no medio rural.

Fademur-Galicia agarda que a administración autonómica teña en conta as achegas e aportacións dos colectivos e asociacións que traballan sobre o territorio para desenvolver un texto útil e apegado ás necesidades das mulleres rurais. A federación considera necesario que o novo estatuto recolla medidas concretas para o fomento da igualdade e a fin da dobre fenda que padecen as mulleres que habitan o rural. Algo que necesariamente pasará por unha promoción efectiva dos recursos socioculturais, asistenciais, sanitarios e educativos. Así como polo pulo a iniciativas e ferramentas para o fomento da corresponsabilidade, a formación, a capacitación e a loita contra a violencia machista.

Fademur aposta tamén porque o novo texto fomente a paridade nos órganos de dirección de todos os organismos que desenvolven a súa actividade no eido rural: dende cooperativas a organización de produtores, pasando por grupos de desenvolvemento rural ou asociacións. Así como por incluír o veto explícito daqueles que non cumpran con ese criterio paritario das convocatorias públicas.

A Federación confía en que o novo Estatuto poida contribuír tamén a promover o acceso á Titularidade Compartida, unha tarefa pendente nas explotacións agrogandeiras. E anima á administración autonómica a consensuar fórmulas e ferramentas que promovan o emprendemento feminino no rural, a afiliación das mulleres á Seguridade Social e a saúde no traballo mediante a elaboración de estudos de enfermidades laborais vinculadas ao sector agrogandeiro.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio