OS SERVIZOS NO RURAL EN CLARO RISCO DE COLAPSO POLOS RECORTES

Santiago, 27 de agosto de 2021.- A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur) denuncia os constantes recortes na oferta de servizos públicos e sociais que están a padecer as veciñas e veciños das vilas de Galicia, consolidando o proceso de envellecemento e de desertización demográfica das comarcas do interior.  Nesta Comunidade, o 87% do territorio é considerado rural. Ademais temos máis da metade dos núcleos de poboación de toda España. Neste 87% de territorio rural vive apenas unha cuarta parte da poboación total sobre a que recae a xestión dun territorio cada vez máis abandonado e despoboado.

 

Con este contexto non se entende que desde as administracións non só non se activen políticas de recuperación, senón que se continúa co desmantelamento do tecido de servizos á poboación. Como mostra, para este curso 2021-2022 péchanse os colexios de Baamonde en Lugo e Pino de Val en Mazaricos. Tamén se suprime a actividade en 127 aulas de infantil e primaria en toda Galicia, a grande maioría en concellos de menos de 10.000 habitantes. A atención médica é outra vítima dos recortes, xa que nos concellos de menos de 1.500 habitantes, aos que só lles corresponde un médico, nestas vacacións as sustitucións dábanse en días alternos; habendo concellos onde só hai medico 2 días á semana. No rural o 90% dos usuarios maiores de 65 anos que en moitos casos non teñen coche; o que os obriga a un gasto extra nos seus desprazamentos para ir a un médico.

 

Fademur lembra que os recortes no rural ten no constante goteo de peches de oficinas bancarias o seu colofón dramático. Solo de ABANCA levan liquidadas 32 oficinas en todas en toda Galicia nesta primavera-verán. E o Banco de España calcula que pecharán o 30% do total, fundamentalmente nos pobos. A Xunta de Galicia aposta po subvencionar o mantemento activo de caixeiros automáticos, pero esa medida non serve de nada porque a maioría da xente maior non sabe usalos e cando se estropean tardan unha semana en arranxalos.

 

Desde Fademur Galicia pídense políticas e accións de bo goberno que busquen facer das zonas rurais un lugar máis atractivo onde vivir e traballar para xente de diversas idade; invertindo o proceso de avellentamento e despoboación das mesmas; e dotándoas de medios para que xeren o seu propio desenvolvemento rural enfocado como un proceso de revitalización equilibrado e autosostenible. Neste sentido, Galicia ten moito que mellorar xa que hai que lembrar que cada ano unhas 600 explotacións de leite botan o peche, o mesmo volume de emprego dunha fábrica. Pero os efectos no emprego son moito máis graves porque en cada granxa existen unha media de dous postos de traballo por cada titular, ademais temos que contar os postos de traballo indirectos en comerciais agrogandeiras, empresas de servizos, pequeno comercio, etc.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio