Fademur-Galicia celebra o respaldo do Parlamento ao novo Estatuto da Muller Rural

A iniciativa promovida pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais recibiu o apoio unánime dos grupos parlamentarios

Santiago, 18 de outubro de 2021- Fademur-Galicia celebra o rotundo apoio do Parlamento de Galicia á creación do Estatuto da Muller Rural que a Federación leva xa tempo demandando. Unha proposta que os grupos parlamentarios aprobaron por unanimidade na sesión plenaria da pasada semana; e que Fademur agarda que a Xunta de Galicia impulse coa menor demora.

A necesidade de que as mulleres rurais de Galicia conten cun estatuto específico que remate coa dobre discriminación que padecen (por ser mulleres e por vivir no rural) é unha demanda que Fademur-Galicia e Unións Agrarias levan tempo impulsando; e que foi trasladada por estes colectivos tanto aos grupos parlamentarios como á Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e á AGADER. Trala súa aprobación por unanimidade no pleno do pasado venres, Fademur-Galicia celebra o apoio e a sensibilidade das formacións políticas. E confía en que o goberno galego saiba recoller a luva e actúe con celeridade e eficiencia para que o novo estatuto poida converterse canto antes nunha ferramenta real e verdadeiramente efectiva para a promoción da igualdade no medio rural.

Fademur-Galicia agarda que, tras este primeiro paso en sede parlamentaria, a Xunta de Galicia teña en conta as achegas e aportacións dos colectivos e asociacións que traballan sobre o territorio para desenvolver un texto útil e apegado ás necesidades das mulleres rurais. A federación considera necesario que o novo estatuto recolla medidas concretas para o fomento da igualdade e a fin da dobre fenda que padecen as mulleres que habitan o rural. Algo que necesariamente pasará por unha promoción efectiva dos recursos socioculturais, asistenciais, sanitarios e educativos. Así como polo pulo a iniciativas e ferramentas para o fomento da corresponsabilidade, a formación, a capacitación e a loita contra a violencia machista.

Fademur aposta tamén porque o novo texto fomente a paridade nos órganos de dirección de todos os organismos que desenvolven a súa actividade no eido rural: dende cooperativas a organización de produtores, pasando por grupos de desenvolvemento rural ou asociacións. Así como por incluír o veto explícito daqueles que non cumpran con ese criterio paritario das convocatorias públicas.

A Federación confía en que o novo Estatuto poida contribuír tamén a promover o acceso á Titularidade Compartida, unha tarefa pendente nas explotacións agrogandeiras. E anima á administración autonómica a consensuar fórmulas e ferramentas que promovan o emprendemento feminino no rural, a afiliación das mulleres á Seguridade Social e a saúde no traballo mediante a elaboración de estudos de enfermidades laborais vinculadas ao sector agrogandeiro.

Fademur-Galicia confía en que o novo Estatuto non se convirta en papel mollado, e avoga pola creación de comisións de seguemento e avaliación que conten coa participación de todas as partes implicadas. E que, de xeito periódico, velen polo grao de desenvolvemento e aplicación das iniciativas recollidas no texto.

Publicacións creadas 90

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio