Mulleres rurais e do mar solicitan a colaboración dos grupos parlamentarios para impulsar ferramentas que atendan as necesidades de ambos colectivos

FADEMUR Galicia e Mulleres Salgadas reuníronse esta mañá cos representantes de PSdeG e BNG na Cámara galega

Santiago, 20 de xuño de 2023– FADEMUR Galicia e Mulleres Salgadas reuníronse este martes cos grupos parlamentarios de PSdeG e BNG para solicitar o seu apoio ás demandas e necesidades específicas das mulleres rurais e do mar. Dous colectivos que precisan da implicación decidida e do compromiso das administracións para rematar coa fenda de xénero que aínda pervive neles e garantir a igualdade. Así llo trasladaron as representantes de ambas entidades aos deputados socialistas e nacionalistas, logo de que o Partido Popular desatendese a solicitude de xuntanza que lle foi remitida canda ás das demais formacións con representación no Parlamento de Galicia.

Fondo descontento polo desleixo amosado pola Xunta de Galicia ante as problemáticas das mulleres rurais e do mar e pola oportunidade perdida na que a administración autonómica ten convertido o Estatuto da Muller Rural e do Mar. Así pode resumirse o sentir das dúas entidades de ámbito autonómico que engloban un maior número de mulleres nos seus respectivos eidos respecto ao breve capítulo incluído na Lei de Igualdade co que  a  administración autonómica despacha as súas reclamacións. Un texto superficial e carente de propostas concretas que dedica apenas unhas xenéricas 12 páxinas ás necesidades de dous colectivos con realidades e necesidades diferentes, que deben ser atendidas con rigor e de xeito individual.

Tanto o Estatuto da Muller Rural con rango de lei que viña demandando FADEMUR Galicia como o Observatorio de Igualdade no sector pesqueiro reivindicado por Mulleres Salgadas recibiron o apoio unánime do Parlamento de Galicia; o primeiro en outubro de 2021 e o segundo en marzo de 2022. Porén, a ferramenta para analizar e establecer diagnósticos e medidas correctoras que contribúan a mellorar a situación das galegas que traballan no mar segue sen figurar por lado ningún. Mentres que o Estatuto reivindicado polas mulleres rurais se ten visto reducido a un breve título da Lei de Igualdade pragado de lugares comúns e que nada aporta.

O feito de que nin a Consellería do Medio Rural nin a do Mar teñan sido parte na elaboración dun texto que á forza debe ter en conta cuestións sectoriais dá boa mostra do escaso interese da Xunta por impulsar as ferramentas útiles e efectivas que demandan as mulleres de ambos colectivos. Nese senso, lembran que a igualdade en sectores profesionais e ámbitos territoriais como os que están aquí en cuestión requiren dun enfoque transversal rigoroso, que teña en conta a complexidade das problemáticas existentes e involucre a todos os departamentos implicados.

A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia lamenta que o illamento e a falla de servizos que lastran a igualdade no rural e que se traducen nunha preocupante tendencia cara á masculinización, o avellentamento e o abandono; problemas capitais para o mantemento dun rural vivo e igualitario; nen sequera se mencionen no texto aprobado pola Xunta. Igualmente, considera insuficiente a análise elaborada pola Consellería e a escasa concreción das medidas propostas, que non abordan temáticas prioritarias como a promoción efectiva dos recursos socioculturais, asistenciais, sanitarios e educativos; o pulo á profesionalización dos coidados e a creación de servizos de proximidade e ferramentas concretas para o fomento da corresponsabilidade e a loita contra a violencia machista.

Tampouco Mulleres Salgadas está satisfeita cun texto que non recolle necesidades capitais para as traballadoras do mar e que ignora a realidade das mesmas, que só poden ser analizadas a partir de estudos globais de carácter tanto cualitativo como cuantitativo, que teñan en conta situacións sutís non documentadas pero asentadas na estrutura social da costa rural galega. Nese senso, a organización apunta a necesidade de incorporar o enfoque de xénero á Lei de Confrarías. Un texto obsoleto que non presta atención á realidade das numerosas mulleres que actualmente traballan no sector pesqueiro e marisqueiro nin aporta garantías no que á paridade na composición dos órganos directivos se refire.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio