Fademur-Galicia condena a negativa do PPdeG a que a Xunta impulse a normativa precisa para que os letrados condenados por violencia machista sexan apartados da quenda de oficio especializada

Santiago, 5 de maio de 2022- Fademur lamenta a oposición do PPdeG á posibilidade de que a Xunta de Galicia impulse a normativa precisa para que os avogados condenados por violencia machista non poidan acceder á defensa de mulleres vítimas dende a quenda de oficio especializada neste tipo de delitos. A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia condena a actitude do grupo popular, que onte en comisión parlamentaria votou en contra dunha iniciativa presentada polo PSdeG e respaldada polos votos tanto desta formación como do BNG.

Fademur-Galicia non entende que os intereses partidistas poidan porse por diante do interese xeral, da seguridade e do dereito das mulleres vítimas de violencia machista a acceder a unha defensa xusta e empática. A federación chama a atención ante o sensentido que supón que por un lado o Partido Popular recoñeza a necesidade de regular a anomalía xurídica que permite que un letrado condenado por violencia de xénero asuma a defensa dunha vítima e, por outro, se negue a que a Xunta de Galicia exerza as súas competencias en xustiza para impulsar a normativa necesaria.

Fademur lamenta a actitude do Partido Popular e lembra que a nosa Comunidade ten delgadas competencias en xustiza que a capacitan para complementar a normativa estatal neste eido. Nese senso, a federación condena a negativa do grupo conservador a unha proposta que colocaría a Galicia á cabeza na defensa dos dereitos das mulleres vítimas de violencia machista.

Hai dous meses que o Ministerio de Xustiza informaba ao Defensor del Pueblo de que estudaría as vías legais posibles para modificar a Lei 1/1996 de Xustiza Gratuíta e regular expresamente a necesidade de que os profesionais da quenda de oficio especializada en violencia de xénero carezan de antecedentes penais nese ámbito. Unha proposta que partiu de Fademur-Galicia, que leva meses traballando para rematar coa anómala situación que supón que unha muller vítima desta lacra poida ser defendida por un letrado con antecedentes deste tipo. Feitos dos que constan precedentes, e en vista dos cales a Federación demandou cambios normativos ante a Valeduría do Pobo e a Dirección Xeral de Xustiza; así como aos grupos do Parlamento de Galicia.

Fademur non entede que o Partido Popular galego opte por romper o consenso existente e se opoña a que Galicia actúe nunha cuestión que conta cun amplo respaldo político e social. Unha posibilidade que suporía ir un paso por diante, á espera de que o Ministerio impulse unha normativa marco de aplicación estatal; e que evidenciaría o compromiso da administración autonómica e das forzas políticas con representación parlamentaria coa loita contra a violencia de xénero e a favor da igualdade.

Igual que se fai no caso dos profesionais que traballan con menores; Fademur-Galicia leva meses solicitando que se recolla como un requisito específico para aquelas persoas que queiran anotarse na quenda de oficio especializada en violencia de xénero a presentación dun certificado de penais actualizado que acredite que ese avogado non ten sido condenado por sentencia firme en relación con un delito deste tipo. Ademais, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais considera necesario que a ausencia de antecedentes deba acreditarse cada certo tempo. E demanda ademais que se estableza a obriga de que os letrados que puideran ser condenados por violencia machista no período de tempo intermedio entre a organización das distintas quendas deban informar ao Colexio de Avogados.

Por outra banda, a Federación demanda que nos casos de violencia machista sexa un mesmo letrado ou letrada quen se encargue de todos os procedementos que puideran derivarse da causa inicial. Unha medida que busca evitar a revictimización das mulleres que padecen estas violencias e aumentar o seu marco de protección e seguridade.

Fademur-Galicia está integrada por 64 asociacións de mulleres rurais das catro provincias galegas. Entre as distintas actividades que realiza figuran as de formación e prevención, así como a atención e acompañamento de mulleres vítimas de violencias machistas.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio