Fademur avoga porque a nova lei de recuperación de terras favoreza o acceso das mulleres á titularidade

Santiago, 20 de xaneiro de 2021- A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia fai un chamamento para que a nova Lei de Recuperación da Terra Agraria se convirta no instrumento que o rural precisa para fomentar o acceso das mulleres á titularidade. Fademur celebra o próximo inicio do trámite parlamentario dunha norma pensada para loitar contra o abandono e impulsar a actividade socioeconómica no rural. E fai un chamamento para que esta poida poñerse en marcha cunha clara visión de xénero que permita acurtar a fenda entre homes e mulleres no eido rural.

Sen mulleres non haberá futuro para o rural. Por iso mellorar as oportunidades socioeconómicas e a calidade de vida para elas debe ser un obxectivo imprescindible en calquera iniciativa de loita contra o abandono. Así o destaca Fademur, que celebra a mención á posibilidade dun trato preferente ás mulleres vítimas de violencia machista que contempla o borrador da nova Lei de Recuperación da Terra. E fai un chamamento para que éste non quede nunha simple declaración de intencións.

Dende a entrada en vigor da Lei de Fomento do Acceso á Titularidade Compartida no 2012 tan só 26 explotacións se acolleron a ela. Un dato que demostra que as boas intencións non abondan para mudar a realidade. Nese senso, Fademur fai un chamamento para que a nova lei aposte pola discriminación positiva e recolla fórmulas claras que prioricen de maneira efectiva os proxectos agroforestais impulsados por mulleres.

A Federación lembra que, a pesar do seu papel esencial e do traballo que de facto xa desempeñan no medio rural; as mulleres seguen a manterse maioritariamente nun segundo plano. Os datos demostran a clara desventaxa das mulleres rurais fronte aos homes: a pesar de que aproximadamente o 57% das perceptoras da PAC en Galicia son mulleres, as axudas que lles chegan son un 40% inferiores ás percibidas por homes. O motivo? as explotacións xestionadas por elas adoitan ter un carácter máis familiar e son de menor tamaño.

Fronte ás 14,4 hectáreas de extensión media das explotacións europeas xestionadas por homes, as que teñen liderado feminino non pasan de 6,4. O que redunda tamén en menos apoios públicos e menor rendabilidade. Nese senso, Fademur destaca a especial importancia de favorecer o acceso das mulleres á terra. E fai un chamamento para que a nova lei favoreza a ampliación da base territorial dos proxectos agroforestais impulsados por mulleres e permita dar un paso adiante cara a un medio rural máis igualitario.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio