A reivindicación de Fademur-Galicia para que os letrados condenados por violencia machista sexan apartados da quenda de oficio especializada chega á Secretaría de Estado de Xustiza

O Valedor do Pobo respalda a petición e demanda ao Ministerio que acepte as recomendacións

Santiago, 20 de outubro de 2021- As vítimas de violencia machista están un pouco máis preto de recibir a defensa xusta e empática que merecen e á que teñen dereito.  A petición de Fademur-Galicia para que os avogados condenados por violencia machista sexan apartados da quenda de oficio especializada neste tipo de delitos foi abordada este verán no Consello Estatal de Asistencia Xurídica Gratuíta. Un foro no que o Ministerio amosou a súa disposición a regular a nivel estatal dita limitación. E tralo que o Defensor del Pueblo ven de remitir agora un novo escrito ao executivo central para instalo a que as recomendacións impulsadas pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia non caian en saco roto e sexan tidas en conta.

Nos últimos meses Fademur-Galicia iniciou unha rolda de contactos para rematar coa anómala situación que supón que unha muller vítima de violencia machista poida ser defendida por un letrado con antecedentes deste tipo. Feitos dos que constan precedentes, e en vista dos cales a Federación demandou cambios normativos ante a Valeduría do Pobo e a Dirección Xeral de Xustiza. Así como aos grupos do Parlamento de Galicia, que no mes de xuño abordaron o asunto no pleno da Cámara galega a instancias do PSdeG-PSOE.

Fademur-Galicia celebra que a Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia teña recollido as súas demandas e introducise este tema na quenda de rogos e preguntas da sesión de constitución do Consello Estatal de Asistencia Xurídica Gratuíta celebrada o 30 de xuño. Porén, a Federación insiste agora na necesidade de que dita demanda (aparentemente ben acollida polo Ministerio de Xustiza) non caia no esquecemento e se concrete canto antes nun marco normativo que introduza limitacións ao exercicio profesional dos letrados condenados por violencia machista. Ademais, agradece a boa disposición que tamén amosou o representante do Consello Xeral da Avogacía Española; que na mesma xuntanza se comprometeu a trasladar este asunto á Comisión de Deontoloxía dese organismo.

Igual que se fai no caso dos profesionais que traballan con menores; Fademur-Galicia leva meses solicitando que se recolla como un requisito específico para aquelas persoas que queiran anotarse na quenda de oficio especializada en violencia de xénero a presentación dun certificado de penais actualizado que acredite que ese avogado non ten sido condenado por sentencia firme en relación con un delito deste tipo. Ademais, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais considera necesario que a ausencia de antecedentes deba acreditarse cada certo tempo. E demanda ademais que se estableza a obriga de que os letrados que puideran ser condenados por violencia machista no período de tempo intermedio entre a organización das distintas quendas deban informar ao Colexio de Avogados.

Por outra banda, a Federación demanda que nos casos de violencia machista sexa un mesmo letrado ou letrada quen se encargue de todos os procedementos que puideran derivarse da causa inicial. Unha medida que busca evitar a revictimización das mulleres que padecen estas violencias e aumentar o seu marco de protección e seguridade.

Fademur-Galicia está integrada por 64 asociacións de mulleres rurais das catro provincias galegas. Entre as distintas actividades que realiza figuran as de formación e prevención, así como a atención e acompañamento de mulleres vítimas de violencias machistas.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio