400 mulleres rurais celebran en Santa Comba o seu día da man de FADEMUR

O acto deste ano puxo o foco no papel do colectivo no eido deportivo

 

 

Santa Comba, 21 de outubro de 2023- Arredor de 400 mulleres congregáronse este sábado en Santa Comba para celebrar o Día Internacional das Mulleres Rurais da man de FADEMUR Galicia. Un ano máis, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais galega colaborou coa Deputación da Coruña na organización dun evento que, nesta edición, centrouse en analizar o papel do colectivo no eido deportivo. Un ámbito no que as mulleres residentes en pequenos núcleos participan de maneira notoria pero no que, ao igual que acontece noutros campos, compre seguir traballando polo fomento da igualdade.

O 50% da cativada que participa en actividades deportivas escolares son nenas. Pero, a pesar da participación equitativa que se dá neses primeiros chanzos, a presenza de mulleres vaise reducindo segundo avanzamos cara as categorías máis altas ata quedar reducida a un 24%.

Mª Carmen Noya, presidenta da Sociedade Deportiva Dubra; Mónica Sande, campioa de España de remo; María Varela, ex xogadora da Selección de fútbol sala; Sabela Rey, ciclista; Helen Roca, xogadora de rugby; e Daniela Suárez, xogadora de balonmán; participaron nunha mesa redonda que debullou as experiencias, puntos de vista e necesidades das mulleres que se esforzan por impulsar a súa carreira deportiva dende os pequenos núcleos galegos.

Como acontece noutros ámbitos, a redución da participación feminina e rural nas categorías deportivas máis altas sen dúbida ten que ver coas carencias que aínda lastran a calidade de vida e a igualdade no rural: falta de servicios de proximidade e ferramentas que faciliten os coidados e a conciliación que dificultan a compatibilización dunha carreira deportiva profesional cun proxecto de vida no rural.

FADEMUR Galicia fai un chamamento para que as administracións tomen coinciencia desta realidade e traballen activamente para apoiar ás mulleres rurais que practican deporte, fomentar esa participación e avanzar cara á igualdade neste eido. Algo que comeza por un maior apoio aos clubes femininos ou por contribuír a reverter os problemas de comunicacións, transportes ou espazos axeitados para o adestramento nos núcleos rurais.

Entrega de recoñecementos

Como cada ano nesta data, FADEMUR Galicia aproveitou a celebración do Día Internacional das Mulleres Rurais para realizar a súa entrega de recoñecementos a mulleres destacadas en diversos ámbitos polo seu compromiso co feminismo e o desenvolvemento das mulleres rurais. Este ano a xornalista Emma Araújo foi a galardoadas pola súa aportación ao mundo da cultura, a lingua e a comunicación. O recoñecemento á posta en valor dos nosos produtos recaeu en Rocío Osorio García, artesá dedicada á fabricación de velas. Mercedes Quintáns Parades, gandeira xa xubilada, recibiu o correspondente ao compromiso co sector primario e o territorio. E a futbolista Verónica Boquete recolleu o recoñecemento ao compromiso coa igualdade e o  medio rural.

A presidenta de FADEMUR Galicia aproveitou o acto para sinalar a preocupante escalada que este ano estamos a vivir no que ten que ver coas violencias machistas. Verónica Marcos fixo un chamamento ás administracións para redobrar esforzos na loita contra unha lacra que no que vai de 2023 deixa xa 51 mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas. O ano pasado nesta mesma data a cifra era de 35.

A celebración do Día Internacional das Mulleres Rurais pon o broche a un ano marcado polo traballo de FADEMUR a prol dun Estatuto propio e con rango de lei para as mulleres rurais galegas. Unha reivindicación pola que a federación continúa turrando, insatisfeita coa solución da Xunta, que reduciu esta importante ferramenta a un xenérico e escueto capítulo incorporado na Lei de Igualdade.

A presidenta de FADEMUR Galicia lembrou tamén a estreita relación existente entre as carencias en servicios asistenciais e ferramentas de proximidade que faciliten os coidados e o despoboamento. “En Galicia O 84%  da poboación dependente está atendida por coidadoras familiares, por isto precisamos eses servizos de conciliacióne respiro cercanos”, aseverou Marcos, que lembrou que a responsabilidade dos coidados segue a recaer de xeito maioritario sobre os ombreiros das mulleres.

Pola súa banda, o secretario xeral de Unións Agrarias-UPA aproveitou a súa intervención para lembrar que do que fagamos hoxe depende o futuro do rural, e as decisions políticas que tomemos agora serán fundamentais para evitar o abandono dos pequenos núcleos. Robero García destacou a importancia da actividade agrogandeira nese futuro, así como imprescindible papel das mulleres; e loubou o papel de FADEMUR e do asociacionsimo á hora de impulsar as reivindicacións feministas e a axenda do rural.

A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García; e o alcalde de Santa Comba, Alberto Romar; tamén participaron nun acto tras o que as participantes gozaron dun xantar de confraternización no Recinto feiral de Santa Comba.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio