Solicitan reunirse cos grupos parlamentarios para abordar a necesidade de refacer un texto carente de análise, que non vai ao fondo das problemáticas nin aporta solucións a dúas realidades completamente diferentes e que deben ser atendidas por separado e con rigor

Santiago, 13 de xuño de 2023– FADEMUR Galicia e Mulleres Salgadas lamentan o desleixo da Xunta de Galicia ante as problemáticas das mulleres rurais e do mar. Ambos colectivos teñen solicitado xuntanzas cos grupos con representación no Parlamento de Galicia para evidenciar o seu descontento ante o Estatuto da Muller Rural e do Mar incluído na Lei de Igualdade recentemente aprobada polo Consello da Xunta. Un texto superficial e carente de propostas concretas que despacha nunhas xenéricas 12 páxinas as necesidades de dous colectivos con realidades e necesidades diferentes, que deben ser atendidas con rigor e de xeito individual.
FADEMUR Galicia e Mulleres Salgadas chaman a atención sobre o feito de que, finalmente, o tan demandado Estatuto da Muller Rural e do Mar non contente a ningún dos colectivos interesados. As dúas entidades de ámbito autonómico que engloban un maior número de mulleres nos seus respectivos eidos queren evidenciar o seu fondo descontento ante a oportunidade perdida que supón un texto que deixa en evidencia o nulo interese do goberno galego por estender a visión de xénero ao rural e ao mar galegos. E é así porque, pese a que en outubro de 2021 o Parlamento deu o seu apoio unánime á creación dun Estatuto da Muller Rural, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ten optado por reducir o demandado texto a un breve e título incluído na Lei para a Promoción Efectiva entre Mulleres e Homes que mete no mesmo saco ás mulleres rurais e ás do mar.
No camiño teñen quedado as demandas de FADEMUR, que reivindicaba un estatuto específico con rango de lei que se convertise na ferramenta efectiva que as mulleres rurais precisan. Nese senso, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia lamenta que o illamento e a falla de servizos que lastran a igualdade no rural e que se traducen nunha preocupante tendencia cara á masculinización, o avellentamento e o abandono; problemas capitais para o mantemento dun rural vivo e igualitario; nen sequera se mencionen no texto aprobado pola Xunta. Igualmente, considera insuficiente a análise elaborada pola Consellería e a escasa concreción das medidas propostas, que non abordan temáticas prioritarias como a promoción efectiva dos recursos socioculturais, asistenciais, sanitarios e educativos; o pulo á profesionalización dos coidados e a creación de servizos de proximidade e ferramentas concretas para o fomento da corresponsabilidade e a loita contra a violencia machista.
Tampouco Mulleres Salgadas está satisfeita cun texto que non recolle necesidades capitais para as traballadoras do mar, como a incorporación do enfoque de xénero á Lei de Confrarías. Un texto obsoleto que non presta atención á realidade das numerosas mulleres que actualmente traballan no sector pesqueiro e marisqueiro nin aporta garantías no que á paridade na composición dos órganos directivos se refire. Na mesma liña, a asociación lamenta que a Xunta siga sen impulsar o Observatorio de Igualdade no sector pesqueiro aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en marzo do ano pasado. Unha ferramenta formada por persoal técnico necesaria para estudar, analizar e establecer diagnósticos e medidas correctoras que contribúan a mellorar a situación das galegas que traballan no mar cuxa creación Mulleres Salgadas demanda desde maio de 2021, e que para nada se menciona no Estatuto.



