Fademur-Galicia recibe o Premio Meninas 2021 contra a violencia machista

O pase de diapositivas require JavaScript.

Santiago, 22 de novembro de 2021- Fademur-Galicia recolle o Premio Meninas contra a violencia machista. O compromiso e o traballo a prol da erradicación desta lacra desenvolto pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais foi distinguido pola Delegación do Goberno en Galicia. Que este luns fixo entrega do recoñecemento nun acto celebrado no Hostal dos Reis Católicos.

A presidenta de Fademur-Galicia, Verónica Marcos, foi a encargada de recoller un galardón que avala a firme aposta da Federación polo fomento da igualdade. Un traballo especialmente importante no medio rural, onde o enraizamento de estereotipos, a falla de anonimato e o medo ao que dirán ou o difícil acceso das vítimas a espazos seguros e recursos específicos de loita contra a violencia machista fan máis difícil a erradicación desta lacra.

No 2020 o 36% das asesinadas polo machismo foron mulleres rurais. Porén, no 2021 esa porcentaxe medrou ata un alarmante 55%. Cifras que corroboran a necesidade de maiores esforzos para desterrar esta realidade dos pequenos núcleos; nos que o 72,9% das vítimas non denuncian aos seus maltratadores e permanecen con eles unha media de vinte anos.

“En Fademur-Galicia sempre tivemos claro que formación, información e sensibilización son fundamentais para identificar as violencias machistas e loitar contra elas. E por esa fórmula apostamos de xeito decidido, achegándonos a cada Concello ou aldea que fose necesario”. Así o destacou a presidenta da Federación, Verónica Marcos, no seu discurso de agradecemento na gala de entrega do premio. Intervención que aproveitou tamén para lembrar o traballo desenvolto por Fademur-Galicia para que os avogados con antecedentes por violencia de xénero non poidan asumir a defensa de mulleres vítimas desta problemática a través da quenda de oficio especializada neste tipo de delitos.

Fademur-Galicia está integrada por 67 asociacións de mulleres rurais das catro provincias galegas. Entre as distintas actividades que realiza figuran as de formación e prevención, así como a atención e acompañamento de mulleres vítimas de violencias machistas. Entre as actividades desenvoltas nos últimos meses destacan iniciativas formativas con alumnado das distintas etapas formativas impulsadas en centros de ensino de toda Galicia; obradoiros de capacitación en detección e atención da violencia machista para persoal  técnico, xuntas directivas e entidades membros de Grupos de Desenvolvento Rural; ou o programa Cultivando Igualdade, que permitiu sensibilizar a 870 adolescentes e posibles vítimas e dotalas deferramentas para seren quen de detectar e reaccionar ante a violencia machista.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio