A cultura enche Navia da man da Caravana Cultural das Mulleres Rurais

 

Fademur clausura este domingo na montaña lucense o seu primeiro festival

Lugo, 3 de setembro de 2023- Teatro, música, feira de emprededoras, obradoiros de saberes tradicionais, mesas redondas e ata a elaboración dun graffiti. Son as actividades que esta fin de semana levou ata Navia de Suarna a Caravana Cultural das Mulleres Rurais. Unha iniciativa pioneira de FADEMUR nacida coa vontade de poñer en valor os saberes, os oficios e a cultura tradicional e de tecer unha rede de mulleres rurais a nivel estatal que permita facer aflorar todo ese patrimonio cultural.

 

A cultura e os saberes tradicionais e as propostas máis contemporáneas déronse a man esta fin de semana en Navia de Suarna. A veciñanza gozou dunha programación que, da mañá ata a noite, converteu a Praza do Concello e outras ubicacións da localidade nun fervedoiro de actividade.

 

A presidenta de FADEMUR Galicia, Verónica Marcos; o alcalde de Navia de Suarna, José Fernández, o deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Sandra Vázquez, e a subdirectora xeral de Emprendemento e Promoción Profesional da Muller do Instituto da Muller, Begoña Suárez, inauguraron un evento no que participaron distintas voces e proxectos vinculados coa creación, a divulgación e a recuperación cultural na montaña lucense.

 

 

A xornalista Lourdes Abuide; a creadora do proxecto O Argueiro dos Ancares, Lucía Rodríguez; a produtora cinematográfica de Gaita Films, Laura Doval; a presidenta da Fundación Uxío Novoneyra, Branca Novoneyra; e o profesor da Universidade Complutense Héctor Fouce; debullaron nun parladoiro a importancia de pór en valor e divulgar o día a día e a historia do rural. Un obxectivo para o que tanto as redes sociais como os medios de comunicación locais e a propia veciñanza poden funcionar e funcionan como importantes e efectivos axentes canalizadores.

 

 

Orgullo foi unha das palabras que máis se repetiu esta fin de semana en Navia, nun evento que fixo gozar por igual á veciñanza de todas as idades. O grupo de pandereteiras da localidade, as palilleiras da Asociación Alfinete e da Asociación de mulleres rurais A Xuntanza de Castro de Rei e as emprendedoras de FADEMUR que participaron na feira de artesanía instalada durante as xornadas do sábado e o domingo na Praza do Concello encargáronse de divulgar o bo facer vinculado a oficios e saberes tradicionais, como o tecido ou o traballo con coiro. Pola súa banda, as formacións musicais Bulbalkan e N.E.X.N encargáronse de facer bailar ao público nos concertos do sábado á noite e na sesión vermú do domingo.

 

Non faltaron actividades dirixidas aos máis novos, como o contacontos de Ana Carreira ou o obradoiro de musicoterapia que xuntou no mesmo espazo a cativada e maiores. Nen teatro, coa peza “El contrabajo estrellado” que aunou música de cámara e representación teatral no escenario instalado para a ocasión na discoteca da vila. O festival clausurouse o domingo á tarde coa elaboración dun graffiti conmemorativo que quedará en Navia para lembrar a veciñanza e visitantes que “A Cultura é Igualdade”.

 

A Caravana Cultural das Mulleres Rurais xurde do empeño de FADEMUR por demostrar que o medio rural non é a España vaciada de ocio e cultura. Para poñer en marcha este festival, que nace dun convenio de colaboración co Instituto da Muller, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais ten contado coa colaboración da poboación,  e dos movementos sociais da zona, así como con asociación de mulleres e emprendedoras rurais de toda Galicia. Tamén o Concello de Navia de Suarna, a Asociación de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais – GDR3, a UCM e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural colaboran nun festival que busca obxectivo poñer en valor tanto o territorio como as persoas que o habitan e, moi especialmente, as mulleres.

 

A que esta fin de semana se desenvolveu en Navia de Suarna é a primeira edición dunha iniciativa de ámbito estatal cuxa próxima parada está previsto desenvolver en Extremadura.

ACCEDE Á GALERÍA CON TODAS AS FOTOS DO FESTIVAL