FADEMUR Galicia reivindica unha axenda feminista rural

 

 

Demanda que se teñan en conta as discriminacións que padecen as mulleres rurais polo feito de vivir onde viven

Santiago, 8 de marzo de 2024- FADEMUR Galicia insta a que os problemas e discriminacións específicos que afectan  ás mulleres rurais, primeiro polo feito de ser mulleres e segundo por vivir onde viven, se coloquen no centro das reivindicacións da axenda feminista neste 8m. A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia fai un chamamento para que se teña en conta unha realidade que require dunha aposta urxente, clara e decidida das administracións sen a que a tendencia cara á masculinización, o avellentamento e o abandono á que levamos décadas asistindo será imposible de reverter.

Os dereitos das mulleres non dependen do lugar no que residan. É unha verdade incuestionable que na práctica non é tal debido ao illamento e o difícil acceso a servizos e recursos que padecen as mulleres que residen en contornas rurais. Por iso FADEMUR Galicia volve incidir na necesidade de que as mulleres rurais galegas conten cun estatuto específico con rango de lei que atenda esa realidade de xeito integral e blinde os dereitos deste colectivo mediante a  posta en marcha das ferramentas precisas para solventar as problemáticas concretas das mulleres rurais galegas.

Dificultades de acceso ao mercado laboral, escaseza de recursos de proximidade para prevención e loita contra as violencias machistas, maior sobrecarga de coidados, menor participación na toma de decisións ou dificultades para acceder ás novas tecnoloxías, conciliar ou para desprazarse. É a radiografía das carencias que afectan ao rural galego e que seguen lastrando a consecución da igualdade real nos pequenos núcleos do noso país. Unha realidade sobre a que este 8m FADEMUR Galicia quere poñer o foco para colocala no centro da axenda feminista.

FADEMUR Galicia lamenta a oportunidade perdida na que a Xunta convertiu a elaboración do tan demandado Estatuto das Mulleres Rurais ao limitalo a unhas escasas e xenéricas 12 páxinas incluídas como un simple apartado da Lei para a Igualdade efectiva de Mulleres e Homes aprobada o ano pasado. Un epígrafe que ata o día de hoxe non ten servido para solventar nen mellorar ningunha das problemáticas que afectan as mulleres rurais galegas.

FADEMUR Galicia considera indispensable que as administracións actúen para garantir unha promoción efectiva dos recursos socioculturais, asistenciais, sanitarios e educativos no rural galego. Así como o pulo á profesionalización dos coidados e a iniciativas e ferramentas para o fomento da corresponsabilidade, a formación, a capacitación e a loita contra as violencias machistas.

FADEMUR lembra a falla de paridade nos órganos de dirección de todos os organismos que desenvolven a súa actividade no eido rural: dende cooperativas a organizacións de produtores, pasando por grupos de desenvolvemento rural ou asociacións. Unha desigualdade que debe ser correxida mediante o establecemento de medidas de discriminación positiva.

O mesmo acontece no caso da Titularidade Compartida, unha tarefa pendente nas explotacións agrogandeiras que require dunha actuación decidida da Xunta de Galicia; que tamén debe consensuar fórmulas e ferramentas que promovan o emprendemento feminino no rural, a afiliación das mulleres á Seguridade Social e a saúde no traballo mediante a elaboración de estudos de enfermidades laborais vinculadas ao sector agrogandeiro.