Fademur-Galicia condena a brutal agresión machista a unha muller de Carballo

Insta ás administracións a redobrar esforzos na prevención e na loita contra a violencia de xénero

Santiago, 30 de maio de 2022- Fademur-Galicia condena a brutal agresión acontecida esta madrugada en Carballo e insta ás administracións a reforzar as ferramentas e recursos dispoñibles na prevención e a loita contra as violencia machista. A federación fai un chamamento para que a sociedade no seu conxunto tome conciencia da gravidade desta terrible lacra e contribúa a tecer redes de apoio que eviten o silenciamento, a revitimización e o illamento das mulleres que a padecen.

Aos gravísimos feitos acontecidos este luns en Carballo hai que sumar os asasinatos de tres mulleres a mans das súas parellas en localidades de Andalucía e Ciudad Real. 72 horas negrísimas para o feminismo e para a sociedade en xeral, que non pode seguir permitíndose convivir cunha problemática estrutural cuxas consecuencias exceden en con creces ás provocadas por calquera outro problema social.

A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia insta ás administarcións a reforzar todos os recursos, ferramentas e medios dispoñibles na loita contra as violencias machistas. Tanto no que ten que ver coa prevención e a educación temperá como na atención, asistencia, acompañamento e protección das mulleres que as padecen. Fronte nos que Fademur-Galicia se compromete igualmente a continuar traballando de maneira activa, como ven facendo ata o de agora.

Fademur-Galicia lembra que todas as persoas xogamos un papel indispensable na loita contra o machismo e fai un chamamento para que a sociedade non cale nen sexa cómplice, alce a voz e denuncie calquera indicio de violencia do que teña coñecemento. Nese senso, a Federación lembra a importancia de incidir no feito de que estamos ante un problema estrutural que é necesario erradicar; non ante unhna cuestión pertencente ao ámbito privado que debe tratarse de portas para adentro. Unha crenza que, lamentablemente, aínda pervive; fundamentalmente nos núcleos de poboación máis pequenos, nos que o medo ao que dirán, a dependencia económica e o control sociofamiliar aínda fan que o 72,9% das mulleres que a padecen non denuncien aos seus maltratadores e permanezan con eles unha media de vinte anos.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio