Tres emprendedoras galegas obteñen o respaldo das bolsas Ruraltivity

 

 

As responsables de A Santa Viña, Esencia Viva e Labrecos recolleron os seus galardóns nun acto celebrado este xoves en Madrid

 

Santiago, 20 de xuño de 2024- Tres emprendedoras rurais galegas teñen sido recoñecidas hoxe no VII Encontro de Emprendedoras Ruraltivity pola valía e singularidade dos seus proxectos. Andrea Arias, da Santa Viña, Noelia Solar, de Esencia Viva, e Raquel García, de Labrecos, son as tres galegas que este ano poderán seguir impulsando os seus emprendementos grazas ás bolsas Ruraltivity. Un galardón impulsado por FADEMUR e a Fundación Pepsico que reparte 75.000 € en apoios destinados a mellorar os proxectos de 20 emprendedoras do conxunto do estado.

Por terceiro ano consecutivo a Fundación PepsiCo e a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais FADEMUR entregaron unhas bolsas que este ano teñen sido ampliadas de 10 a 20: as dez primeiras por valor de 5.000 € e dez máis de 2.500 €. O seu obxectivo: dar apoio financieiro directo a proxectos vinculados ao sector agrario e á economía circular para que as responsables dos mesmos poidan impulsar os seus negocios sen necesidade de abandonar o medio rural.

As bolsas Ruraltivity supoñen unha oportunidade para axudar ás emprendedoras rurais a converter as súas ideas en realidade e manter un rural vivo e diversificado rompendo cunha das principais dificultades coas que se atopan a maioría das mulleres á hora de poñer en marcha un proxecto destas características: a obtención de financiamento.

 

Andrea Arias, A Santa Viña (A Rúa de Valdeorras)

A Santa Viña nace da vontade de crear un produto singular capaz de cubrir o oco detectado nas cartas de viños da maior parte dos restaurantes, que non contan cunha opción específica para maridar os seus postres. Obxectivo co que Andrea Arias crea un viño torrado que destaca polo seu compromiso medioambiental e a súa capacidade de innovación no medio rural galego.

Ubicado no concello ourensán da Rúa de Valdeorras, o proxecto de Andrea desetaca ademais polo seu traballo de recuperación e xestión do territorio, pois rescata parcelas abandonadas para unha produción baseada na agricultura rexenerativa e no uso responsable de recursos como, por exemplo, o consumo de auga de choiva no canto de rego.

A bolsa Ruraltivity que hoxe recolleu Andrea Viñas súmase ao recoñecemento que recibía hai un ano como finalista da cuarta edición dos Premios TalentA na categoría de Muller Rural. Un evento impulsado a nivel estatal por FADEMUR e  a compañía agrícola Corteva que recoñecía a valía dunha iniciativa baseada na elaboración do primeiro viño torrado de Garnacha Tintoreira.

 

Noelia Solar, Esencia Viva (Antas de Ulla)

Esencia Viva, laboratorio de cosmética natural artesá ubicado en San Martiño de Vilapoupre, completa o proxecto profesional de Noelia Solar; responsable dunha clínica de recuperación funcional e masaxe con aromaterapia que tamén ofrece cursos, obradoiros e charlas formativas. Os produtos da súa marca son elaborados de maneira totalmente manual, tanto na elaboración como no envasado e no etiquetado, mediante métodos de produción artesanais caracterizados polo seu fondo compromiso coa natureza e a minimización dos impactos sobre a mesma.

Esencia Viva destaca pola calidade e variedade duns produtos formulados para atender as necesidades específicas dos distintos tipos de pel empregando ingredientes de orixe natural e procedencia ecolóxica emulsionados para crear cremas, bálsamos, ungüentos e locións de calidade certificada.

 

Raquel García, Labrecos Sociedade Cooperativa Galega

Raquel García é unha das caras detrás de Labrecos, unha cooperativa familiar de traballo asociado dedicada á agricultura ecolóxica, rexenerativa e circular que comercializa os seus produtos de horta e granxa dende o concello de Oza-Cesuras.

Alén do seu compromiso coa terra e os recursos naturais e a súa decidida aposta por un modelo produtivo respectuoso coa terra, a contorna e a creación de emprego de calidade no sector agroalimentario, Labrecos destaca ademais polo seu labor formativo e divulgativo, canalizado en forma de visitas guiadas e obradoiros dirixidos principalmente á comunidade escolar.

Comprometidos coa soberanía alimentaria e coa produción de alimentos saudables de calidade sen emprego de produtos químicos de síntese, Labrecos demostra que conxugar produtividade e sustentabilidade é posible. Cunha pegada de carbono mínima, ao longo do ano esta granxa pon no mercado verduras, hortalizas, carne, froita ou ovos que chegan da horta ás persoas consumidoras de xeito directo, sen intermediarios.

A bolsa Rurativity recibida agora súmase ao premio Sostenibles por Naturaleza recollido hay un ano. Un recoñecemento posto en marcha pola UPA para defender o carácter sustesntable da agricultura e da gandería familiar coa colaboración da empresa Syngenta e a participación como xurados de xornalistas especializados de medios como EFEagro, EFEverde, Onda Agraria de Onda Cero e El País, así como dos ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

Para poñer en marcha a lanzadeira Ruraltivity e dar soporte aos máis de 400 proxectos que forman parten dela, FADEMUR conta co apoio do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 e da Fundación Pepsico.