Tres emprendedoras de FADEMUR Galicia distinguidas coa Etiqueta Responsable de Produtoras Rurais

 

O Refuxio do Náufrago, Labrecos e Unspicanoutrosnon obtiveron un selo diferenciador que pretende poñer en valor as contribución sociais e ambientais de explotacións e empresas familiares agrarias

Santiago, 7 de abril de 2024- Tres emprendementos galegos liderados por mulleres rurais figuran entre os 30 seleccionados por FADEMUR en todo o estado para recibir a Etiqueta Responsable de Produtoras Rurais posta en marcha por esa entidade. Digna Romar, do Refuxio do Náufrago, Laura Ínsua, de Unspicanoutrosnon, e Raquel García, de Labrecos, son as tres emprendedoras galegas distinguidas cun selo creado pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais para promover un consumo máis consciente e responsable e favorecer a competencia baseada en valores distinguindo a contribución social e ambiental das produtoras.

O Etiquetado Responsable é un proxecto piloto co que FADEMUR pretende poñer en valor as contribución sociais e ambientais das explotacións e empresas familiares agrarias e reducir a fenda de desigualdade que existe no medio rural. Para visibilizar esas contribucións tense deseñado unha etiqueta visualmente atractiva e sinxela que ofrece datos sobre os beneficios ambientais e sociais dos proxectos distinguidos, como a súa contribución ao mantemento da biodiversidade, a fixación de poboación no medio rural ou ao tecido social. O obxectivo é que a través desta etiqueta se coñezan de forma efectiva estes beneficios adicionais para que, á hora de adquirir un produto, a persoa consumidora poida tomar decisións tendo en conta uns factores que promovan un consumo máis consciente e responsable.

Digna Romar está á fronte de O Refuxio do Náufrago; un albergue ubicado na antiga casa familiar que, dende o centro de Camelle, aposta por un turismo sostible intimamente ligado aos recursos e á historia local.

Unspicanoutrosnon é o emprendemento creado por Laura Ínsua “coa idea de non poñer fronteiras aos pementos de Padrón”. Unha firma que exporta este produto, principalmente ao por maior, nun tempo máximo de 24 horas.

Labrecos é unha cooperativa na que Raquel García e a súa familia apostan pola agricultura circular, rexenerativa e ecolóxica. Unha explotación de horta que se complementa con gandería e que ademais pon o foco na divulgación a través do traballo con escolares e outros visitantes.

Apoiar ás produtoras rurais cun selo diferenciador

As pequenas produtoras rurais e os seus produtos a miúdo se ven eclipsados polas grandes marcas, cuxa capacidade para competir en prezo e volume é significativamente maior. Sen embargo, os produtos de emprendedoras pequenas e empresas familiares agrarias ofrecen un valor engadido único, non só en termos de calidade e sabor senón tamén en canto ás súas contribución sociais, ambientais e de fixación de poboación ao territorio.

Este etiquetado nace do convencemento de FADEMUR sobre a necesidade de que a sociedade entenda que o medio rural é moito máis que produción de alimentos e materias primas; tamén é o custodio do territorio. Como tal, produce e reproduce territorio e cultura, biodiversidade e servizos de ecosistemas, fixación de poboación e tecido social, aportando numerosos beneficios en termos sociais, económicos e ambientais ao conxunto da sociedade.

Os emprendementos ubicados no rural ofrecen oportunidades de emprego e desenvolvemento  en áreas que, doutro xeito, estarían suxeitas a un progresivo abandono e despoboamento. Ademais, os seus produtos contribúen ao fomento do tecido social, sendo actividades fondamente arraigadas na cooperación comunitaria e na transmisión de coñecementos e tradicións. Ademais, a miúdo aposta por unha agricultura máis sostible e respectuosa co medio ambiente, e o seu papel na conservación da biodiversidade e no mantenimiento das paisaxes é fundamental.

Unha ferramenta medirá os elementos de valor

Por todo elo, FADEMUR, co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, ten deseñado unha ferramenta de etiquetado responsable que valora elementos medibles como o  fomento do emprego local, o modelo de economía familiar, a participación feminina e a súa proporción na actividade, a promoción do emprego entre a mocidade ou a creación de sinerxias co entorno. Respecto aos elementos de tipo ambiental, para a concesión destas etiquetas tense en conta a relación dos emprendementos coa preservación da biodiversidade, se a actividade se desenvolve nalgún espazo protexido ou se favorece a extensión de ecosistemas, entre outros parámetros.