O Consello de Ministros aproba a petición de Fademur-Galicia para que os letrados condenados por violencia machista non poidan representar de oficio a mulleres vítimas

Santiago, 20 de xullo de 2022- A petición de Fademur-Galicia para que os avogados condenados por violencia machista sexan apartados da quenda de oficio especializada neste tipo de delitos ven de recibir o respaldo do Consello de Ministros. O goberno central aprobou este martes o Real Decreto polo que se modifica o Regulamento de Asistencia Xurídica Gratuíta. Unha medida que parte da petición da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia, que leva máis dun ano reivindicando un cambio normativo que garanta a defensa xusta, empática e de calidade á que teñen dereito as mulleres vítimas desta lacra.

Dende este momento os letrados que teñan sido condenados por violencia de xénero non poderán representar de oficio ás vítimas deste tipo de delitos. O Consello de Ministros ven de dar o espaldarazo definitivo á reclamación que Fademur-Galicia leva máis dun ano impulsando, e que finalmente se traduce, tras moitos meses de xuntanzas e peticións, nun novo marco legal que dará amparo ás vítimas a nivel estatal.

Fademur-Galicia celebra que o Goberno central finalmente teña recollido as súas demandas, aceptando modificar o marco normativo vixente para introducir unha limitación ao exercicio profesional a nivel estatal. Unha medida que supón un imprescindible paso adiante para garantir a defensa de calidade á que as vítimas de violencia machista teñen dereito.

De acordo co Real Decreto aprobado este martes, nin os avogados nin tampouco os procuradores con condenas por violencia de xénero poderán exercer a defensa legal de vítimas a través da quenda de oficio especializada neste tipo de delitos. A modificación normativa impulsada polo goberno central nace da queixa remitida por Fademur-Galicia á Valedora do Pobo en maio de 2021; cando a Federación comezou a traballar para rematar coa anómala situación que supón que unha muller vítima de violencia machista poida ser defendida por un letrado con antecedentes deste tipo. Feitos dos que constan precedentes, e en vista dos cales a Federación demandou cambios normativos tamén ante a Dirección Xeral de Xustiza da Xunta, así como aos grupos do Parlamento de Galicia.

Tras ser abordada no Consello Estatal de Asistencia Xurídica Gratuíta e recibir tamén o respaldo do Defensor del Pueblo, a reivindicación foi aceptada en marzo polo Ministerio de Xustiza; que nese mes comunicaba a súa vontade de estudar as vías legais posibles para modificar a Lei 1/1996 de Xustiza Gratuíta e regular expresamente a necesidade de que os profesionais da quenda de oficio especializada en violencia de xénero carezan de antecedentes penais nese ámbito.

Igual que se fai no caso dos profesionais que traballan con menores; Fademur-Galicia entendía que era necesario e urxente que se recollese como un requisito específico para aquelas persoas interesadas en formar parte da quenda de oficio especializada en violencia de xénero a presentación dun certificado de penais actualizado que acredite que ese avogado non tiña sido condenado por sentencia firme en relación con un delito deste tipo. Alén diso, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais considera necesario que a ausencia de antecedentes deba acreditarse cada certo tempo. E demandaba tamén que os letrados que puideran ser condenados por violencia machista no período de tempo intermedio entre a organización das distintas quendas teñan a obriga de informar ao Colexio de Avogados.

A Federación entende que é necesario dar forma a un marco xurídico amable, xusto e empático; que evite a revitimización das mulleres que padecen estas violencias e aumente as súas garantías de protección e seguridade.  Con ese obxectivo, considera que nos casos de violencia machista debe ser un mesmo letrado ou letrada quen se encargue de todos os procedementos que puideran derivarse da causa inicial.

Fademur-Galicia está integrada por 64 asociacións de mulleres rurais das catro provincias galegas. Entre as distintas actividades que realiza figuran as de formación e prevención, así como a atención e acompañamento de mulleres vítimas de violencias machistas.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio