medrar
MEDRAR: Muller, Empoderamento e Dinamización das Redes Activas no Rural, FADEMUR Galicia traballa para achegar ás mulleres rurais galegas ás institucións públicas, reforzar o coñecemento dos seus dereitos e facilitar a súa participación activa na vida social e comunitaria do seu territorio.
As desigualdades de xénero nas zonas rurais seguen condicionadas por factores estruturais como o illamento, a falta de servizos e a escasa representación das mulleres nos espazos de decisión. As mulleres rurais non son vulnerables por vivir no campo, senón porque este contexto carece das garantías necesarias para o desenvolvemento pleno dunha vida autónoma e libre. MEDRAR nace precisamente para mudar esta realidade, dende dentro e dende abaixo.
O programa combina obradoiros prácticos sobre dereitos, recursos públicos e participación cidadá con visitas institucionais guiadas a entidades como o Parlamento de Galicia, a Valedora do Pobo ou as deputacións provinciais, achegando ás mulleres ao funcionamento real das estruturas que as representan. Complétase con accións de impulso ao asociacionismo e creación de redes de apoio mutuo entre mulleres rurais das catro provincias galegas, e coa elaboración dunha Guía de recursos institucionais accesible para todas as participantes.
Todo o traballo parte das necesidades reais das propias mulleres, recollidas a través dunha enquisa participativa inicial, garantindo así que cada acción teña impacto real e responda ao que elas mesmas identifican como prioritario.
MEDRAR é máis ca un programa formativo: é unha ferramenta de transformación social que achega as mulleres rurais ao lugar que lles corresponde nos espazos de decisión, na vida pública e no desenvolvemento do rural galego.