Gandeiras galegas reclaman na Coruña prezos xustos para o leite

A Coruña, 16 de decembro de 2021- Produtoras de Fademur-Galicia congregáronse este xoves ás portas do Alcampo da Coruña para sensibilizar á cidadanía da crise que atravesan as explotacións lácteas galegas. As gandeiras repartiron información e apelaron á complicidade das persoas consumidoras para forzar un cambio de actitude das grandes industrias; que se resisten a actualizar os prezos do leite en orixe de maneira suficiente para cubrir a forte suba dos custos de produción das granxas e garantir a súa rendibilidade. Posteriormente procederon á retirada dos bricks das marcas de Lactalis e Capsa Food dos andares da área comercial.

Fademur-Galicia tomou hoxe a iniciativa para sumarse ao calendario de protestas que Unións Agrarias leva xa meses impulsando. As gandeiras galegas saíron á rúa para alerta da grave crise de rendibilidade que afecta ao sector e lembrar que as granxas de leite galegas levan perdido no treito interanual de 2020/21 un 11,45% dos seus ingresos por mor das fortes subas nos custos de produción, que alcanzaron case un 17% nos últimos meses. Porén, industrias como CAPSA e Lactalis atesouran un incremento de facturación dun 18% e un 24% respectivamente no mesmo período, grazas a revalorización experimentada polo leite líquido nos lineais da distribución e debido á suba imparable das cotizacións dos derivados industriais como a graxa, a manteiga ou o leite en pó.

Con estes datos resulta moi difícil de entender a falta de sensibilidade destas corporacións para coa base de produtoras; ás que se nega a repercutir nin sequera o que xa  lles corresponde en función do acordo coa distribución de incrementar o prezo de venda ao público para que logo esa suba se traslade aos gandeiros. Hai que lembrar que estas dúas empresas teñen unha posición de privilexio para condicionar as cotizacións do leite en orixe xa que representan un 18% (1.200 gandeiros) no caso de Lactalis e un 15% (1.000 gandeiros) no caso de CAPSA do total das 6.476 gandeiros de Galicia.

 

Hai que destacar Lactalis como CAPSA para o período febreiro/outubro de 2021, as firmas melloraron os ingresos so en Galicia en arredor 22 millóns de euros, o que lles permitiría subir mais de 4 cts/l ao sector produtor. Así as cousas, Fademur-Galicia considera imprescindible  sinalar públicamente a actitude destas firmas, que están a enriquecers a custa do traballo das granxas.

 

A Fedearción lembra que a día de hoxe as granxas galegas están a cobrar polo leite menos do que lles custa producilo. Algo que vai en contra do que se fixa na Lei da Cadea, que veta con total claridade a venda a perdas.

 

Capsa e Lactalis son, polo lugar que ocupan na FENIL e na Interprofesional Láctea, así como polo importantísimo volume de recollida  que representan en Galicia, as principais culpables da nula rendibilidade das granxas lácteas. No último ano o prezo medio do litro de leite cobrado polos gandeiros galegos foi case 1 céntimo menor que a media nacional. Unha cifra que xa situaba ás granxas da nosa Comunidade nun contexto de venda a perdas; que se agravou nos últimos meses co aumento dos custos de produción. Hai que lembrar que, a pesar de cobrar os prezos máis baixos do estado, os gandeiros galegos producen leite de calidade superior; cunha porcentaxe de materia graxa por enriba da media estatal. Un dato de especial relevancia debido á revalorización dun 35,67% en 2020 da manteiga; que sitúa a rendibilidade que as industrias obteñen do leite galego por enriba da media.

 

Fademur-Galicia destaca a boa actitude que a distribución ten amosado nos últimos meses cara á delicada situación do sector produtor; aceptando subir o prezo do leite nos lineais de maneira suficiente para posibilitar un reparto equitativo dos beneficios entre todos os elos da cadea produtora. Porén, ata o de agora as industrias téñense resistido a trasladar ese aumento dos seus beneficos ás explotacións; e levan meses embolsándose unha suba que rolda os 9 céntimos de euro por litro de leite e negándose a repercutir esa mellora dos seus ingresos no sector produtor. Así as cousas, Fademur-Galicia insta ao Ministerio de Agricultura a actuar con contundencia e sen demora contra as firmas que están a incumprir a Lei da Cadea Alimentaria, negando ás granxas galegas o seu dereito a cubrir custos e a percibir retribucións xustas polo seu traballo.

 

O pase de diapositivas require JavaScript.

Publicacións creadas 105

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio