FADEMUR reivindica o papel das agricultoras e insta a rematar coas desigualdades que aínda lastran ás mulleres rurais

A pesar de ser maioría entre as persoas perceptoras da PAC en Galicia, a fenda de xénero persiste e evidénciase nos ingresos, na representación en cargos de responsabilidade, nos coidados e en empregos lastrados por unha  maior temporalidade e unha menor cualificación

5 de marzo de 2026-.  Coincidindo co 8 de marzo do declarado pola FAO como Ano Internacional das Agricultoras, FADEMUR Galicia reivindica o papel esencial das mulleres para o futuro do sector produtor e do medio rural no seu conxunto. A organización celebra un recoñecemento internacional que pon en valor unha realidade que leva décadas defendendo, como é a importancia das mulleres para a sustentabilidade alimentaria, o desenvolvemento rural, a cohesión territorial e a loita contra o despoboamento e o cambio climático. Porén, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia pon o foco nas desigualdades que aínda persisten e insta a redobrar esforzos para correxilas e seguir avanzando cara a unha igualdade real entre homes e mulleres, vivan onde vivan.

Tal e como sinala a FAO, as mulleres desempeñan un papel decisivo na produción de alimentos, a xestión sostible dos recursos naturais e como gardiás das zonas e das comunidades rurais, a pesar de enfrontarse a diario con desigualdades estruturais no acceso á terra, o financiamento, a tecnoloxía, a formación e a toma de decisións.

Nun contexto marcado polo avellentamento e as desigualdades no que ten que ver cos niveis ocupación, a calidade dos empregos, os salarios, a participación na vida pública e os coidados, FADEMUR Galicia considera imprescindible seguir traballando para fomentar a incorporación e permanencia das mulleres na actividade agraria, impulsar o emprendemento feminino rural, promover a titularidade compartida das explotacións agrarias e defender a participación activa das mulleres nos espazos de decisión.

A Federación insta ás administracións a ter en conta o avellentamento e a feminización que caracterizan o medio rural galego no deseño de actuacións e políticas que se traduzan  en avances reais en materia de igualdade. E é que, segundo os informes da EPA de 2025, case o 65% das mulleres asalariadas no sector agrario teñen contrato temporal, fronte ao 51,3% de homes. Ademais, e pese aos esforzos por profesionalizar o sector que veñen realizándose, as mulleres continúan copando os postos de menor cualificación, e a fenda salarial tradúcese en retribucións un 7,6% inferiores para elas. Así, o 79,2% das asalariadas no sector agrario desempeñan funcións de peón e unicamente un 5,4% traballa en postos de oficina ou administración dentro das explotacións.

Galicia rexistra a cuarta taxa de actividade feminina máis baixa do Estado, cunha taxa de actividade do 50,7%, fronte ao 56,6% no caso dos homes, o que supón unha diferenza de case 6 puntos. Ademais, as reducións de xornada para facerse cargo do coidado de menores son solicitadas por mulleres no 76,4% dos casos, e as excedencias por coidado familiar asúmenas elas o 80,5% das veces. Uns datos que teñen moito que ver coa fenda existente nas pensións, un 32,36% inferiores no caso das mulleres.

Continúan sendo as mulleres as que maioritariamente están a sobrelevar as deficiencias do sistema de autonomía a atención á dependencia, pois das 137.513 persoas coidadoras de persoas con dependencia existente sen Galicia 90.205 son mulleres, é dicir, 65,6 de cada cen.

E se ben as mulleres son maioría entre as persoas perceptoras da PAC na nosa Comunidade (case o 53%, fronte ao 47% de homes), esa realidade está lonxe de ser motivo de celebración. E é que o importe das axudas destinadas a ese maior número de perceptoras é 16,8 millóns de euro inferior ás que perciben eles, o que se traduce nunha fenda media de 2.328,72 euros: un diferencial do 36,64%.

Cabe ter presente a escasa representación das mulleres cando atendemos ás perceptoras de menor idade. Así, as mulleres representan o 26,09% nas axudas directas e o 18,03% nas de desenvolvemento rural para o grupo de menos de 25 anos; o que dá mostra da fenda existente no que ten que ver co relevo xeracional. Na mesma liña, no tramo de 25 a 40 anos as mulleres tamén son unha clara minoría: o 30,33% das persoas perceptoras nas axudas directas e o 28,17% nas destinadas a desenvolvemento rural; o que indica que esa problemática ligada á incorporación de mulleres novas leva anos fraguándose.

Por último, FADEMUR Galicia lembra a necesidade de reforzar ferramentas e mecanismos que favorezan unha maior presenza das mulleres na representación social, económica e laboral nas zonas rurais. A Federación lembra que a participación nos procesos de toma de decisións é fundamental para eliminar os desequilibrios tradicionais entre homes e mulleres e destaca a menor representación política, social e sindical que afecta ás mulleres. Algo que é evidente ao observar a composición dos Concellos galegos, con 70 alcaldesas fronte a 243 alcaldes. Así como como cando se toman os datos sobre participación en cooperativas, nas que, a pesar de ser o 47% das persoas socias, a representación das mulleres en cargos de presidencia apenas chega ao 6%.

ENCONTRO NA SEDE DA FAO

Unha delegación de FADEMUR integrada por representantes da Federación e agricultoras de distintas partes do estado viaxou este xoves ata Roma para participar no encontro «Mulleres Rurais: liderado, xustiza e futuro na agricultura», organizado na sede da FAO. O obxectivo: xerar un diálogo participativo entre a sociedade civil e representantes gubernamentais que permita identificar necesidades comúns, compartir experiencias, avaliar políticas públicas e formular recomendacións estratéxicas con perspectiva de xénero.

A iniciativa, na que participaron mulleres líderes da agricultura e da gandeiría de España e de diversos países de Europa e América Latina, alinease coa Estratexia Nacional fronte ao Reto Demográfico impulsada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do Goberno de España, que sitúa a equidade territorial, a cohesión social e a igualdade de oportunidades no centro das políticas públicas. Da delegación trasladada ata o encontro participaron dúas representantes de Galicia.