FADEMUR Galicia volverá formar ás mulleres interesadas en acreditar a experiencia non formal no coidado de menores

Arredor dun milleiro de mulleres beneficiáronse de xeito directo da primeira edición do programa DICECO, pensado para converter a experiencia persoal nunha oportunidade laboral

Santiago, 21 de marzo de 2023- Logo do éxito da primeira edición de DICECO, FADEMUR Galicia anuncia unha nova edición dun programa formativo ideado para facilitar o acceso ao mercado laboral das mulleres desempregadas e converter a experiencia non formal no coidado de menores nunha oportunidade de traballo. A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia renova deste xeito a súa participación no Plan Corresponsables; un proxecto financiado, a través da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia con fondos dos Orzamentos Xerais do Estado (Ministerio de Igualdade).

Primeiros auxilios, Psicoloxía evolutiva, Alimentación, Xogo e Educación en Igualdade son os cinco cursos que nos vindeiros meses FADEMUR Galicia volverá impartir no marco do Programa DICECO.  Un proxecto ideado para acreditar as competencias adquiridas a través da experiencia persoal en coidados e certificalas oficialmente grazas a esta formación complementaria.

Segundo os datos recabados por FADEMUR Galicia, o total de beneficiaras potenciais deste programa ascende a 50.000 na nosa Comunidade; onde existen cinco mulleres desempregadas por cada menor de 14 anos. Un dato que constitúe unha oportunidade para favorecer o acceso ao emprego, o empoderamento e a autonomía das mulleres galegas.

Nesta segunda edición DICECO FADEMUR Galicia porá ademais o foco no fomento da corresponsabilidade mediante charlas e accións divulgativas destinadas a sensibilizar e capacitar aos homes para impulsar un reparto máis equitativo destas tarefas no eido familiar.

Arredor dun milleiro de mulleres beneficiáronse de xeito directo da primeira edición de DICECO, que ademais de formación online ao longo do pasado ano reforzou a súa acción con xornadas presenciais e mediante a divulgación de materiais e newsletters periódicas a entidades do ámbito educativo, municipal e do asociacionismo.

Actualmente non existe no Estado unha cualificación profesional referida aos coidados de persoas non dependentes (nenas/os ou persoas maiores). Un baleiro que Igualdade e Educación queren cubrir co desenvolvemento dunha nova cualificación que, a través do Plan Corresponsables, busca garantir as posibilidades de conciliación das familias mediante a creación de bolsas de emprego especializado.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio