Fademur-Galicia solicita que os letrados condenados por violencia machista sexan apartados da quenda de oficio especializada

A Federación reuniuse co director xeral de Xustiza para solicitarlle medidas que protexan ás mulleres e eviten a súa revitimización

 

Santiago, 15 de xuño de 2021- A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia solicita modificacións que eviten que unha persoa xulgada e condenada por actos de violencia machista poida asumir a defensa dunha muller vítima desta lacra a través da quenda de oficio. Fademur-Galicia reuniuse esta mañá co director xeral de Xustiza, Juan José Martín, para falar do improcedente desta realidade e demandar a posta en marcha de medidas que eviten que este tipo de situacións poidan darse no futuro.

 

Fademur-Galicia considera totalmente inaceptable que un avogado “xulgado e condenado por actos de violencia machista poida protexer, asesorar, acompañar e defender a mulleres vítimas”. Por iso, tras ter detectado na quenda de oficio a existencia de letrados que se corresponden con este perfil, a federación ten solicitado a colaboración da Dirección Xeral de Xustiza para rematar con esta anomalía.

 

Tendo en conta que, máis aló do marco estatal, as Comunidades Autónomas poden impulsar normativa específica, Fademur-Galicia solicita que a Dirección Xeral de Xustiza recolla como un requisito específico para aquelas persoas que queiran anotarse na quenda de oficio especializada en violencia de xénero a presentación dun certificado de penais actualizado, que acredite que ese avogado non ten sido condenado por sentencia firme en relación a un delito deste tipo. Ademais, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais considera necesario que esa obriga deba acreditarse cada certo tempo. E demanda ademais que os letrados que puideran ser condenados por violencia machista no período de tempo intermedio entre a organización das distintas quendas teñan a obriga de informar ao Colexio de Avogados.

 

Por outra banda, a Federación solicita que sexa un mesmo letrado ou letrada quen se encargue de todos os procedementos que puideran derivarse da causa inicial. Unha medida que busca evitar a revictimización das mulleres que padecen estas violencias e aumentar o seu marco de protección.

 

Fademur-Galicia destaca a receptividade da xuntanza celebrada esta mañá na sede da EGAP. E confía en que a boa sintonía percibida no encontro poida traducirse na pronta posta en marcha das medidas solicitadas.

 

Fademur-Galicia está integrada por 64 asociacións de mulleres rurais das catro provincias galegas. Entre as distintas actividades que realiza figuran as de formación e prevención, así como a atención e acompañamento de mulleres vítimas de violencias machistas.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio