FADEMUR Galicia reúne en Pontedeume máis de 400 mulleres rurais na celebración do seu Día Internacional

Máis de 400 mulleres reuníronse este sábado en Pontedeume para celebrar o Día Internacional das Mulleres Rurais. Un ano máis, FADEMUR Galicia aliouse coa Deputación da Coruña para conmemorar unha data para celebrar, pero tamén para reivindicar e poñer o foco nas necesidades pendentes.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, e o secretario xeral de Unións Agrarias-UPA, Roberto García, participaron nun acto que se encargou de abrir a presidenta de FADEMUR Galicia, Verónica Marcos, e que estivo conducido pola secretaria xeral da federación, Rosa Arcos. Un evento que tamén serviu para poñer en valor o papel das mulleres en distintos eidos.

Rosa Carrodeguas, gandeira e sindicalista, recibiu este ano o recoñecemento ao compromiso co sector primario e co territorio. Filomena Fraga foi distinguida polo seu compromiso coa igualdade e co medio rural. Lara Salgado, Xornalista comprometida co rural que este ano puxo voz ás persoas que padeceron a terrible vaga de lumes en Ourense, recibiu a distinción pola súa aportación ao mundo da cultura, a lingua e a comunicación. E Entrelampo, un proxecto ecosocial que apoia ás persoas con problemas de saúde mental e que co seu traballo contribúe a un rural máis inclusivo e xusto, foi distinguido polo seu labor a prol da posta en valor dos nosos produtos.

Por que é necesario o Día Internacional das Mulleres Rurais

Nin no rural nin no sector produtor galego semellan faltar mulleres: elas son o 51,9% da poboación e o 53,7% das persoas perceptoras da PAC na nosa Comunidade. Uns datos que perden toda a forza cando vemos a realidade que agochan. E é que, a pesar de terse incorporado con forza ao sector produtor e ser maioría entre as persoas beneficiarias da Política Agraria Común, as mulleres cobran de media un 36,7% menos que os homes, ou o que é o mesmo: 2.224 € menos ao ano do que ingresan eles. Ademais, a fenda laboral que padecen as mulleres rurais galegas déixase ver tamén no que ten que ver co traballo por conta allea no sector primario, que se traduce en salarios un 19,4% inferiores para elas.

A pesar de ser maioría no cómputo xeral de perceptores PAC, máis da metade das titulares de explotacións agrogandeiras teñen máis de 65 anos (o 52,5%), e unha de cada tres perceptoras da PAC en Galicia xa superou esa idade. Unha realidade preocupante que ten moito que ver coa situación de avellentamento que afecta ao rural galego.

O contexto que a día de hoxe o rural galego ofrece ás mulleres fai que as máis novas sexan as primeiras en marchar.  Os datos do período 2021-2014 falan dun movemento anual de 77.600 persoas de zonas pouco poboadas cara a áreas máis urbanas. E, mentres que no rural a proporción xeral é de 207 maiores de 65 anos por cada 100 menores de 20, a descompensación agrávase máis aínda no caso das muilleres, chegando ata as 435 por cada 100.

As carencias en materia de servizos e ferramentas para a conciliación que ofrece o medio rural sen dúbida teñen moito que ver con esa dinámica poboacional. Faltan pediatras, escolas infantís, pero tamén centros de día e, en xeral, ferramentas que faciliten a conciliación.

Menos ingresos e máis carga de traballo

As mulleres seguen a ser as que, de xeito máis que maioritario, asumen as tarefas dos coidados de fillos e familiares dependentes. Fano no 73% dos casos. Unha realidade que fai que elas sexan as grandes perxudicadas polas carencias que o rural padece no ámbito dos servizos, a conciliación e a atención á dependencia. E que sen dúbida ten moito que  ver co incesante éxodo e o avellentamento que afecta á poboación do rural galego.

FADEMUR Galicia fai un chamamento para que empresas, cooperativas, entidades sociais e institucións públicas poñan en marcha mecanismos que se traduzan en avances reais en materia de igualdade. E é que as mulleres non teñen conquistado aínda as esferas de poder e toma de decisións. Os datos revelan unha representación ínfima no que ten que ver coa presenza delas en cargos públicos e postos de dirección. Así, a pesar de que o 47% das persoas socias de cooperativas son mulleres, ostentan tan só o 4,8% das presidencias das mesmas. No caso dos Grupos de Desenvolvemento Rural, só o 16,7% contan con direccións femininas, mentras que a porcentaxe de alcaldías ocupadas por mulleres é do 22,7%.  Realidade que se repite no caso da xestión do monte, con máis de 3.000 Comunidades de Montes Veciñais en Man Común espalladas pola xeografía galega cuxas asembleas copan un 75% de homes.