Fademur-Galicia reivindica apoio adaptado á realidade do emprendemento impulsado por mulleres rurais

Demanda unha liña específica de axudas que dea cobertura aos proxectos que integran produción e transformación, moi habituais no rural galego

 

Santiago, 16 de xullo de 2021- Fademur-Galicia insta á Consellería de Emprego e Igualdade a ter en conta a realidade do emprendemento feminino rural e a impulsar programas específicos de apoio. A Federación lembra que, pese a estar dirixido a proxectos impulsados por mulleres, o Programa Emega deixa fóra a moitas emprendedoras galegas; que non poden adaptarse aos requisitos destas axudas, suxeitas a directrices europeas.

Fademur-Galicia apela á boa vontade da Consellería de Emprego e Igualdade para solventar a imposibilidade dunha elevada porcentaxe de emprendedoras galegas con proxectos radicados no rural de acceder a liñas públicas de apoio. Pese a constituír unha ferramenta importante para as mulleres que emprenden en Galicia, o Programa Emega, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, non permite o acceso a emprendedoras que integren produción e transformación nun mesmo proxecto. Un modelo de negocio moi habitual no rural galego; onde son moitas as iniciativas que vinculan o cultivo de materias primas coa elaboración de derivados.

A Federación lembra que actualmente os pequenos e medianos proxectos impulsados por mulleres e vinculados ao sector agroalimentario non dispoñen dunha liña de axudas adaptada ás súas necesidades; tanto no que ten que ver co tipo de actividade que desenvolven como cos requisitos económicos. Así as cousas, Fademur-Galicia confía en que o goberno galego teña en conta a realidade de todas estas artesás e emprendedoras galegas e agarda que, máis cedo que tarde, a administración autonómica cubra o baleiro existente cunha liña de apoio específico.

A Federación lembra a importancia capital dos proxectos de emprendemento liderados por mulleres e a súa capacidade de fixar poboación e reverter as preocupantes tendencias demográficas actuais. Un papel estratéxico que Fademur agarda sexa tido en conta pola Xunta de Galicia.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio