FADEMUR Galicia reivindica a fin das discriminacións que padecen as mulleres rurais

Insta a axilizar a creación do Estatuto propio que o Parlamento de Galicia aprobou hai case ano e medio

 

Santiago, 7 de marzo de 2023- FADEMUR Galicia insta á Xunta de Galicia a axilizar a creación do Estatuto da Muller Rural que a comezos de outubro de 2021 recibiu o apoio unánime do Parlamento de Galicia. Coincidindo co 8M, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia volve incidir na dobre discriminación que padecen as mulleres que residen no rural: primeiro por ser mulleres, e segundo por vivir en contornas nas que a falla de servizos e oportunidades supoñen un lastre engadido. Unha situación que require dunha aposta clara e decidida das administracións sen a que a tendencia cara á masculinización, o avellentamento e o abandono á que levamos décadas asistindo será imposible de reverter.

A necesidade de que as mulleres rurais de Galicia conten cun estatuto específico que remate coa dobre discriminación que padecen (por ser mulleres e por vivir no rural) é unha demanda que FADEMUR Galicia e Unións Agrarias levan tempo impulsando. Unha necesidade que, pese ao apoio rotundo amosado por todos os grupos parlamentarios hai ano e medio, non está a ser atendida coa precisa premura.

FADEMUR Galicia insta á Xunta de Galicia a desenvolver sen máis demora un texto útil e apegado ás necesidades das mulleres rurais. A Federación considera necesario que o novo estatuto recolla medidas concretas para o fomento da igualdade e a fin da dobre fenda que padecen as mulleres que habitan o rural. Algo que necesariamente pasará por unha promoción efectiva dos recursos socioculturais, asistenciais, sanitarios e educativos. Así como polo pulo á profesionalización dos coidados e a iniciativas e ferramentas para o fomento da corresponsabilidade, a formación, a capacitación e a loita contra a violencia machista.

Fademur aposta tamén porque o novo texto fomente a paridade nos órganos de dirección de todos os organismos que desenvolven a súa actividade no eido rural: dende cooperativas a organización de produtores, pasando por grupos de desenvolvemento rural ou asociacións. Así como por incluír o veto explícito daqueles que non cumpran con ese criterio paritario das convocatorias públicas.

A Federación confía en que o novo Estatuto poida contribuír tamén a promover o acceso á Titularidade Compartida, unha tarefa pendente nas explotacións agrogandeiras. E anima á administración autonómica a consensuar fórmulas e ferramentas que promovan o emprendemento feminino no rural, a afiliación das mulleres á Seguridade Social e a saúde no traballo mediante a elaboración de estudos de enfermidades laborais vinculadas ao sector agrogandeiro.