A creación dun repositorio dixital impulsado coa colaboración da Fundación La Caixa permitirá reforzar a memoria colectiva e visibilizar o papel das mulleres rurais na construción da Galicia actual
Santiago, 19 de xaneiro de 2026- Promover a inclusión dixital, social, cultural e interxeracional das mulleres maiores que viven no rural galego é o obxectivo de “Mapeando igualdade no rural”. Un proxecto que FADEMUR Galicia pon en marcha coa colaboración da Fundación La Caixa e que permitirá compilar e dar a coñecer a voz, as vivencias e o impescindible papel que estas tiveron na construción da Galicia actual.
Reducir o illamento social e a soidade non desexada; reforzar a memoria colectiva e o sentimento de pertenza; fomentar a aprendizaxe dixital e a autonomía tecnolóxica; visibilizar o papel das mulleres rurais na construcción da Galicia actual; e crear unha rede interxeracional activa e colaborativa; son os obxectivos dun proxecto que busca poñer en valor e evitar que as experiencias de vida e as aportacións das mulleres rurais galegas caian no esquecemento.
A través da organización de talleres interxeracionais e entrevistas o proxecto dará forma a un repositorio dixital no que se integrarán as conversas mantidas con distintas mulleres ata o de agora alleas ás posibilidades comunicativas que ofrecen as novas tecnoloxías. Unha compilación de testemuños coa que se pretende fortalecer e potenciar a participación das mulleres rurais na súa contorna e na vida pública.
O programa levarase a cabo en municipios rurais nas catro provincias galegas en colaboración coas asociacións de mulleres rurais integradas en FADEMUR. Filomena Fraga, unha muller cunha longa traxectoria de vida marcada polo seu fondo compromiso coa igualdade e co medio rural, será a protagonista da primeira entrevista que formará parte deste repositorio dixital. Unha conversa que poderá verse nas vindeiras semanas e trala que se irán incorporando os testemuños doutras mulleres importantes para a historia e o desenvolvemento do asociacionismo e da loita polos dereitos das mulleres rurais galegas.



