FADEMUR Galicia presenta programación anual e nova imaxe na Asemblea Xeral do seu vixésimo aniversario

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 de marzo de 2026 – A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR Galicia) celebrou este martes a súa asemblea xeral anual; un encontro que este ano adquiriu unha relevancia especial ao coincidir coa preparación do seu vixésimo aniversario. No horizonte de 2026, a organización non só conmemora dúas décadas de «traballo e loita constante ao servizo das mulleres rurais», senón que aproveita este fito para presentar unha ambiciosa folla de ruta e unha identidade visual renovada que simboliza a súa evolución e fortaleza.

Vinte anos construíndo rede de mulleres  rurais e impulsando o empoderamento

Dende o seu nacemento, FADEMUR Galicia manten intacta a súa misión fundamental: artellar unha rede sólida que impulse a visibilidade e o empoderamento das mulleres no medio rural, garantindo a súa igualdade de oportunidades e o seu benestar. Así, a asemblea celebrada nas instalacións da Cidade da Cultura no Gaiás, serviu para reflexionar sobre os logros acadados de xeito conxunto e para reafirmar o compromiso da federación de seguir traballando pola transformación das condicións de vida no rural galego. Nesa liña, e coa mirada posta en 2026, FADEMUR Galicia aposta por consolidar proxectos de éxito e lanzar novas iniciativas que dean resposta ás demandas actuais das asociacións que a integran, e que constitúen o verdadeiro «motor e razón de ser» da organización.

Unha programación integral: do autoemprego á loita contra a violencia machista

A planificación para o vindeiro ano estrutúrase en tres grandes eixos: a autonomía feminina, a igualdade e a inclusión, e a saúde emocional. No ámbito do emprendemento, a organización reforzará o seu programa de fomento do autoemprego feminino, deseñado para apoiar a creación de iniciativas emprendedoras sustentables e profesionais dende a igualdade. Unha liña de traballo que se complementa con proxectos como o que visibiliza o papel das mulleres no sector forestal para inspirar a novas emprendedoras.

A loita contra a violencia de xénero e as desigualdades estruturais segue sendo unha prioridade absoluta. E, para 2026, FADEMUR Galicia potenciará o seu programa de sensibilización e formación dirixido a fortalecer o tecido asociativo e promover a participación activa das mulleres, así como os talleres específicos para a prevención, identificación e sensibilización fronte ás violencias machistas nos concellos rurais. Iniciativas coas que a federación aspira a mudar a situación, combatendo a violencia no medio rural a través da creación de espazos de apoio mutuo para ofrecer unha resposta eficaz e próxima a esta realidade.

Coidados, inclusión e vangarda tecnolóxica

O benestar emocional e a dignificación do traballo de coidados ocupan un lugar central na nova programación. FADEMUR Galicia continuará co seu programa consolidado de apoio ás coidadoras no rural, que agora amplía contidos para centrarse no autocoidado como peza clave para o benestar. Ademais, a organización continuará traballando na certificación profesional da experiencia no sector dos coidados non formais de menores, unha medida estratéxica para a inserción laboral.

A inclusión social tamén se abordará dende a integración de persoas con discapacidade e o acompañamento ás mulleres maiores. Neste sentido, a federación aposta pola vangarda tecnolóxica a través de formacións no uso de ferramentas de Intelixencia Artificial e TIC, buscando romper a fenda dixital e promover o empoderamento interxeracional e a visibilidade do territorio.

Unha nova identidade para unha nova etapa

A asemblea foi o escenario elixido para a posta de longo da nova imaxe corporativa de FADEMUR Galicia. Este cambio visual non é meramente estético; pretende reflectir unha organización que, tras vinte anos de percorrido, se presenta como unha entidade moderna, dinámica e preparada para os retos do futuro. Así, a nova identidade simboliza a coherencia dunha traxectoria que soubo innovar en metodoloxías e explorar novas vías de financiamento para seguir sendo o principal referente das mulleres rurais en Galicia.

A xornada completouses con dúas formacións sobre intelixencia artificial e xestión e finanzas para as representantes das organizacións de mulleres rurais asistentes e cunha visita ao Museo do Centro Gaiás.