Fademur-Galicia pon o foco sobre a dobre discriminación das mulleres rurais

Demanda unha implicación decidida das administración para reverter as carencias e o illamento que padecen as habitantes dos pequenos núcleos

Santiago, 7 de marzo de 2021- A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia quere aproveitar o 8M para poñer o foco sobre a dobre discriminación que padecen as mulleres rurais. Unha situación que se ten volto máis evidente ao longo do último ano; durante o que a pandemia acentuou o illamento e as dificultades de acceso a servizos que xa viñan padecendo as habitantes dos pequenos núcleos de poboación. Nas excepcionais condicións deste Día Internacional da Muller Fademur-Galicia fai un chamamento á participación nas iniciativas convocadas de xeito virtual. E anima ás mulleres do rural galego a colaborar no “Semillero de Igualdad” impulsado a nivel estatal pola organización.

Este ano máis ca nunca Fademur-Galicia considera imprescindible que as mulleres rurais alcen a voz para denunciar as discriminacións que padecen. A organización fai un chamamento para denunciar o machismo e a desigualdade. E lembra que máis do 80% das mulleres rurais recoñecen percibir este problema de xeito xeralizado no seu entorno.

A dependencia económica, a carencia de servizos de proximidade e a falla de oportunidades sociolaborais son factores que lastran o camiño cara á igualdade no noso medio rural. E que fan precisa unha toma de consciencia rápida e unha actitude contundente e proactiva das administración para disminuír fendas e reverter carencias.

Fademur-Galicia lembra que dende a entrada en vigor da Lei de Fomento do Acceso á Titularidade Compartida no 2012 tan só 26 explotacións se acolleron a ela. A pesar do seu papel esencial e do traballo que de facto desempeñan no medio rural; as mulleres rurais seguen a manterse maioritariamente nun segundo plano: a pesar de que aproximadamente o 57% das perceptoras da PAC en Galicia son mulleres as axudas que lles chegan son un 40% inferiores ás percibidas por homes. O motivo? as explotacións xestionadas por elas adoitan ter un carácter máis familiar e teñen un tamaño ata un 55% inferior.

Fademur-Galicia fai un chamamento para que Concellos, Comunidade Autónoma e Goberno central opten pola discriminación positiva en todas as políticas e iniciativas de apoio ao emprendemento e impulso do medio rural. E apela á responsabilidade para que todas elas fagan o posible por achegar servizos a todas as mulleres, vivan onde vivan.

A federación lembra que a dificultade de acceso a servizos de prevención da violencia machista é un dos factores que fai que o 72,9% das mulleres vítimas desta lacra que vive en nucleos de menos de 2.000 habitantes non denuncien e fiquen cos seus agresores unha media de 20 anos. Como tamén o son a dependencia económica e a falla de oportunidades laborais nun medio rural no que o desemprego feminino é un 25% superior ao masculino.

Fademur-Galicia lembra que fronte aos 38 anos de media que cotizan os homes as mulleres fano apenas 20. Un dato que ten moito que ver coa ausencia de corresponsabilidade e co feito de que tanto as tarefas do fogar como os coidados de fillos, maiores e dependentes seguen a recaer maioritariamente sobre as costas das mulleres.

A federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia lembra tamén a fenda dixital que aínda lastra o desenvolvemento das mulleres rurais, para as que emprender e dobremente difícil. E destaca tanto a baixa calidade da cobertura existente como o feito de que nalgunhas comarcas do rural galego a porcentaxe de fogares sen conexión a interet acade o 65%.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio