Fademur-Galicia leva ao Parlamento as demandas das mulleres rurais

A voz das mulleres rurais escoitouse no Parlamento de Galicia. Unha vintena de representantes de asociacións de todo o territorio galego visitou nos últimos días o Pazo do Hórreo para expor ante os grupos parlamentarios as cuestións que lles afectan, e preocupan. A rolda de encontros organizouse ao longo de dúas mañás; e nelas as participantes tiveron ocasión de expoñer ante as e os deputados de PSdeG-PSOE, BNG e PP as súas inquedanzas e demandas.

Promover a participación das mulleres na vida pública, empoderalas e darlles voz é un dos obxectivos de Fademur-Galicia. Con esa finalidade, a federación de asociacións de mulleres rurais organizou nos últimos días unha quenda de encontros cos grupos parlamentarios galegos. Unha iniciativa que permitiu abrir unha canle de comunicación directa entre a poboación rural e a clase política e poñer o punto de vista das mulleres no primeiro plano.

As participantes aproveitaron os encontros coas e cos parlamentarios para falar de cómo as carencias de servizos de proximidade condicionan o seu día a día; así como para demandar un funcionamento áxil de todos os trámites relacionados con maiores e dependentes; menos trabas burocráticas e máis recursos nos entornos rurais.

As conversas permitiron evidenciar o papel fundamental que as asociacións de mulleres rurais están a desenvolver nos pequenos núcleos e a súa importancia á hora de suplir carencias asistencias ou socioculturais. Nese senso, as participantes puxeron sobre a mesa a necesidade de que estes colectivos sexan tidos en conta no Pacto de Estado contra a violencia de xénero e recoñecidos como espazos seguros e axentes activos na loita contra esta lacra. Un labor que, na práctica, xa están a desempeñar nuns entornos nos que as mulleres non contan co acceso a servizos de prevención e atención a vítimas que si son accesibles nos entornos urbanos. Nese senso, nas xuntanzas non se pasou por alto o recente aumento dos asasinatos machistas producidos en entornos rurais: se o ano pasado a porcentaxe fora do 38% neste momento sitúase no 55%.

As problemáticas relacionadas cos baixos prezos vinculados aos sectores lácteo e cárnico tamén foron abordadas nas xuntanzas. Así como a importancia de facilitar o emprendemento feminino e favorecer as condicións precisas para incrementar a autonomía das mulleres, a calidade de vida e fixar poboación no rural. Nese senso, as participantes incidiron nos problemas que a mala cobertura móbil ou a falta dunha conexión a internet de calidade lles supón a diario. E puxeron o foco no illamento que segue a padecer o medio rural e en como a pandemia fixo aínda máis evidente unha realidade que afecta especialmente ás mulleres. Así as cousas, avogaron por favorecer a creación de espazos de encontro e convivencia e aportar ferramentas que fomenten unha participación cada vez maior das mulleres na vida pública.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio