FADEMUR Galicia lamenta que a Xunta relegue as problemáticas das mulleres rurais a un segundo termo

Considera unha oportunidade perdida que o demandado Estatuto da Muller Rural se reduza finalmente a un apartado de apenas 12 páxinas na Lei para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes

Santiago, 23 de maio de 2023- FADEMUR Galicia lamenta o papel secundario que a Xunta de Galicia outorga ás problemáticas específicas que afectan ás mulleres que viven no rural galego. A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia tilda de oportunidade perdida o rango que, finalmente, a administración autonómica concederá ao tan demandado Estatuto da Muller Rural. Unha ferramenta indispensable para identificar e rematar coas problemáticas e as formas de discriminación concretas que afectan ás mulleres que habitan nos pequenos núcleos da nosa Comunidade que o goberno galego ten despachado nunhas escasas e xenéricas 12 páxinas incluídas como un simple apartado da Lei para a Igualdade efectiva de Mulleres e Homes.

A comezos de outubro de 2021 a creación do Estatuto da Muller Rural recibiu o apoio unánime do Parlamento de Galicia, e nos meses seguintes foron varias as ocasións nas que a Xunta de Galicia falou publicamente da súa posta en marcha. Algo que ven de materializarse no último Consello do Goberno galego, pero nen de lonxe da maneira na que FADEMUR Galicia agardaba e demandaba.

A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais lamenta a escasa profundidade da análise que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade adica a identificar e propoñer fórmulas para erradicar a dobre discriminación que padecen as mulleres que residen no rural: primeiro por ser mulleres, e segundo por vivir en contornas nas que a falla de servizos e oportunidades supoñen un lastre engadido. Unha situación que require dunha aposta clara e decidida que o título da Lei de Igualdade dedicado a este extremo está moi lonxe de aportar.

FADEMUR lamenta que a Xunta non teña concedido ao demandado Estatuto o rango de lei propia que se lle solicitara. Así como que no escueto título que lle decidica aborde de forma conxunta as realidades das mulleres rurais e das do mar. Dous colectivos que viven e enfrontan problemáticas diferentes que deben ser abordadas por separado e con rigor.

FADEMUR lamenta que o illamento e a falla de servizos que lastran a igualdade no rural e que se traducen nunha preocupante tendencia cara á masculinización, o avellentamento e o abandono; problemas capitais para o mantemento dun rural vivo e igualitario; nen sequera se mencionen no texto aprobado polo Consello da Xunta. Na mesma liña considera insuficiente a análise elaborada pola Consellería e a escasa concreción das medidas propostas, que non abordan temáticas capitais como a promoción efectiva dos recursos socioculturais, asistenciais, sanitarios e educativos; o pulo á profesionalización dos coidados e a creación de servizos de proximidade e ferramentas concretas para o fomento da corresponsabilidade e a loita contra a violencia machista.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio