Fademur-Galicia insta á Xunta a publicar sen demora o listado de beneficiarias das axudas para promoción do asociacionismo e a participación das mulleres

A dous días de que remate o prazo de xustificación as asociación descoñecen se lles foron concedidas e a contía das mesmas

 

Santiago, 13 de outubro de 2022- Fademur-Galicia insta á Xunta de Galicia a actuar con premura e dilixencia para garantir a solvencia e a continuidade das actividades desenvolvidas polas asociación de mulleres no rural galego. A federación critica o desleixo e a lentitude da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no que atinxe á tramitación da liña de axudas destinadas a apoiar o asociacionismo e a participación das mulleres. Un respaldo indispensable para moitos dos colectivos que desenvolven o seu labor nos pequenos núcleos da nosa Comunidade coas que, a día de hoxe, as asociacións non teñen a garantía de poder contar.

A pesar de que este sábado, 15 de outubro e Día Interacional das Mulleres Rurais, remata o prazo de xustificación das axudas para o fomento do asociacionismo e a participación das mulleres impulsadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade; a resolución das mesmas aínda non foi publicada pola Xunta de Galicia nas canles oficiais.

Tras a apertura do prazo para a presentación de solicitudes o pasado 9 de maio o listado coas entidades beneficiarias debía ter sido publicado no Diario Oficial de Galicia con tempo suficiente para que estas puidesen tramitar e presentar en tempo e forma a xustificación das axudas concedidas. Porén, a dous días de que expire o prazo de xustificación descoñécese aínda tanto o listado de colectivos beneficiarios como a contía das axudas concedidas.

Fademur-Galicia considera intolerable este procedemento, que deixa ás asociación de mulleres rurais na incerteza e ameaza con paralizar a súa actividade. Nese senso, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia fai un chamamento para que a Consellería interveña e realice sen demora as modificacións oportunas para que os colectivos non se vexan penalizados por esta falla de previsión da administración e poidan dispoñer de tempo suficiente para completar a xustificación das axudas.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio