FADEMUR Galicia insta a traballar por unha PAC máis xusta e esixe un pulo definitivo para o estancado Estatuto das Mulleres do Rural galego

A organización celebra este xoves o Día Internacional das Mulleres Rurais cun acto en Lugo co que quere poñer en valor o papel das emprendedoras e impulsar os proxectos de futuro que o rural precisa

Santiago, 13 de outubro de 2026- FADEMUR Galicia celebrará este xoves, día 15 de outubro, o Día Internacional das Mulleres Rurais. Farao cun acto no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo co que a organización quere ademais conmemorar os seus vinte anos de vida, co foco posto en reivindicacións como o Estatuto das Mulleres do Rural de Galicia e o redeseño da PAC.

A presidenta e a secretaria xeral de FADEMUR Galicia, Verónica Marcos e Rosa Arcos, presentaron hoxe o programa dunha xornada lúdica e reivindicativa coa que, alén de conmemoracións, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia quere poñer enriba da mesa as súas principais reivindicacións e obxectivos.

Nun ano de especial importancia para as mulleres rurais debido á súa proclamación por parte da FAO como Ano Internacional das Mulleres Agricultoras, FADEMUR destaca as dificultades para acceder á terra ou ao crédito que estas seguen a enfrontar. A organización lembra que as axudas PAC que perciben as mulleres galegas son un 38% inferiores ás que ingresan eles. E insta a traballar para que, no 2028, a Política Agraria Común que entre en vigor sexa máis xusta, igualitaria e con visión de xénero.

FADEMUR Galicia destaca ademais a necesidade de seguir traballando para incrementar a representación das mulleres nos órganos de dirección. E insta á Xunta de Galicia a impulsar o Estatuto das Mulleres do Rural de Galicia. Un texto cuxa elaboración foi aprobada hai xa tres lexislaturas no Parlamento, e que a día de hoxe segue sen materializarse. “Pese a todas as alegacións realizadas seguimos sen coñecer a súa redacción final, e cremos que este é un ano o suficientemente importante e que se trata dunha norma o suficientemente importante para impulsala sen máis demora”.

O acto previsto para este xoves quere ademais poñer o foco nas mulleres emprendedoras, e contará cunha zona de exposición e venda de produtos agroalimentarios e artesáns con case 40 expositoras. “O rural é un entorno no que as mulleres se reinterpretan constantemente, e é necesario render homenaxe a esas mulleres que, alén da agricultura e a gandeiría, son quen de poñer en valor os produtos da nosa terra, a cultura e a tradición”, a través de emprendementos resilientes, que crean emprego, crean redes e xeran valor nos nosos pobos.

Creación dos Premios María José Arcos

O acto servirá tamén para botar a andar os Premios María José Arcos. Uns galardóns que queren servir como recoñecemento a mulleres que, polo seu traballo, traxectoria, militancia ou aportacións en diversos eidos, son referentes no medio rural galego. Os premios serven ademais como posta en valor e lembranza para a figura da propia María José Arcos; traballadora de Unións Agrarias, sindicalista e figura fundamental na creación e posta en marcha de FADEMUR. Unha organización que hai dúas décadas xurdía en Galicia aglutinando a vinte asociacións e que a día de hoxe concrega preto de cen. “Queremos poñer en valor os avances e o traballo realizado ao longo de todo este tempo en igualdade, prevención da violencia de xénero, emprendemento, posta en valor do papel e o traballo das mulleres rurais, os coidados, e o asociacionismo, que dinamiza e da vida dos nosos pobos”, asevera FADEMUR Galicia que, tras vinte anos de vida, continúa traballando coa mirada posta no futuro para continuar adaptándose e aos intereses e necesidades das mulleres que habitan o rural galego.