Logo dun decembro negro, a Federación condena usos indebidos, como a elaboración de merchandising ou a celebración de feiras gastronómicas sen enfoque de xénero

Santiago, 30 de decembro de 2022- FADEMUR Galicia fai un chamamento á responsabilidade para que no 2023 que está a piques de comezar as administracións realicen un uso responsable dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de xénero. A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia pon o foco sobre o destino máis que cuestionable que demasiado a miúdo se dá a este orzamento, absolutamente necesario para formar, educar, combater e erradicar con efectividade o problema estrutural máis grave que afecta á nosa sociedade; e insta a fiscalizar de xeito escrupuloso un gasto imprescindible na loita a favor da igualdade e contra o machismo.
A elaboración de bolígrafos, chaveiros e outros artigos de merchandising ou a celebración de feiras gastronómicas, xantares ou andainas sen ningún contido nen enfoque de xénero son actividades nas que, nos últimos meses, diversos concellos galegos teñen investido os fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Un destino totalmente intolerable co que as administracións locais demostran unha inaceptable falla de sensibilidade e compromiso coa gravísima lacra estrutural que é a violencia machista.
Con 10 vítimas mortais confirmadas e 2 máis en investigación, decembro de 2022 podería converterse no mes con máis mulleres asasinadas desde que se leva reconto oficial. Á espera do que conclúan as investigacións en curso, o ano remata con 48 mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas. E, de confirmarse o carácter machista dos dous casos en investigación, 2022 racharía coa tendencia descendente do número de asasinatos rexistrada nos últimos anos e suporía voltar a cifras de antes de 2020.
Logo dun mes especialmente negro para as mulleres e a loita pola igualdade e ás portas do novo ano, FADEMUR Galicia fai un chamamento a todas as administracións para seguir impulsando un Pacto de Estado forte e ben dotado. Pero tamén para que eses fondos cumpran coa súa necesaria finalidade e para non tolerar usos indebidos dos mesmos. Nese senso, a Federación ponse a disposición dos Concellos que non conten co persoal ou as ferramentas precisas para axudalos a impulsar actividades formativas e de divulgación realmente útiles: tanto para prestar ás mulleres vítimas o apoio que precisan e axudalas a deixar atrás situación de violencia como para educar en valores e avanzar cara a unha sociedade xusta, concienciada e en igualdade na que ningunha forma de machismo teña cabida.




