FADEMUR Galicia e a Deputación da Coruña congregan máis de 600 mulleres na celebración anual do Día da Muller Rural

O avellentamento, a falla de relevo xeracional no sector primario e as carencias en servicios do rural foron os temas centrais do acto celebrado no Pazo de Congresos de Santiago

Santiago, 9 de outubro de 2022- O Pazo de Cogresos de Santiago de Compostela quedou pequeno para acoller ás máis de 600 mulleres que, desde distintos puntos do rural, quixeron achegarse ao acto de conmemoración do Día Internacional da Muller Rural organizado por FADEMUR Galicia e a Deputación da Coruña. O relevo xeracional e as problemáticas específicas vinculadas ao sector produtor foron o tema central dun evento que quixo pór o foco no papel singular que as mulleres desempeñan no desenvolvemento socioeconómico do rural galego. Unha distinción que as entidades organizadoras evidenciaron a través da entrega de catro premios, concedidos ao colectivo de Pementeiras de Padrón; á gandeira e sindicalista María Isabel Liñares; á maxistrada María Paz Filgueira; e á xornalista Aida Pena.

O avellentamento, a masculinización e a falla de relevo xeracional son unha evidencia que lastra o futuro do rural e do sector agrogandeiro; non só polo que respecta ao abandono e o despoboamento, senón tamén polo indispensable papel que o sector produtor desempeña como fornecedor de alimentos de proximidade, seguros e de calidade para o conxunto da sociedade. Unha realidade sobre a que Fademur-Galicia quixo poñer o foco na conmemoración do Día da Muller Rural deste ano a través dunha mesa redonda moderada pola vicesecretaria xeral da UPA, Montse Cortiñas, e na que as produtoras galegas María Jesús Chenel, Sandra Aldrey, Erika Lema e Ana Corredoira espuxeron as súas opinións e puntos de vista sobre a situación do sector e a necesidade de garantir rendas xustas, servizos de proximidade e calidade de vida para todas as persoas que apostan por un proxecto de vida vinculado ao sector primario.

Das 23.027 persoas preceptoras da PAC en Galicia, tan só 2.390 teñen menos de 40 anos; das cales unicamente 760 son mulleres e 1.630 homes. Case o 90% dos preceptores da Política Agraria Común en Galicia teñen máis de 40 anos; e o 23,40% supera xa os 65. Ademais, tan só o 39,36% das persoas que se incorporaron á actividade agrogandeira en Galicia nos últimos 5 anos foron mulleres, fronte a un 60,64% de homes. En total: 690 mulleres e 1063 homes. Uns datos que teñen moito que ver cos baixos prezos e a inseguridade que afectan ás explotacións agrogandeiras. Pero tamén co paulatino desmantelamento da rede de servizos públicos que o rural galego leva anos padecendo; coa perda do 40% das oficinas bancarias, o peche de aulas e centros de ensino ou as carencias asistencias en sanidade, atención a maiores ou conciliación.

Estatuto da Muller Rural

FADEMUR Galicia aproveitou a xornada deste sábado para volver reivindicar a necesidade de que as mullers rurais galegas conten cun Estatuto propio, con rango de lei. A presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia, Verónica Marcos, chamou a atención sobre as singularidades, as problemáticas e necesidades específicas que implica ser muller no rural galego. E instou á Xunta de Galicia a telo en conta e a impulsar un Estatuto da Muller Rural independente do das mulleres do mar e autónomo, desvinculado da Lei de Igualdade Efectiva entre Homes e Mulleres dentro da que a administración galega pretende incluílo.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañaron á presidenta de FADEMUR Galicia, Verónica Marcos no acto de apertura dun evento que, ao peche, contou coas intervención do secretario xeral de Unións Agrarias-UPA, Roberto García, e da presidenta de FADEMUR, Teresa López.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio