Fademur-Galicia denuncia o emprego sexista da imaxe da muller por parte de Pollo Rubio Gallego

A Federación condena a contribución da marca de Avigrao ao afianzamento de estereotipos machistas e solicita a retirada da campaña  

 

Santiago, 22 de novembro de 2021- Fademur-Galicia insta a Pollo Rubio Gallego a retirar de inmediato das súas redes sociais, así como de calquera outra plataforma, medio de comunicación ou soporte no que estea dispoñible, a campaña promocional “Eres lo que comes, disfruta del pollo rubio”. A Federación considera inaceptable o emprego sexista da imaxe da muller que a marca dependente de Avigrao realiza na nomeada acción promocional; que xa ten denunciado ante o Observario da Imaxe das Mulleres dependente do Ministerio de Igualdade.

Fademur-Galicia condena a sexualización da muller e o seu emprego con fins publicitarios que Pollo Rubio Gallego realiza nunha das súas campañas promocionais. Unha iniciativa vexatoria que emprega o corpo feminino como mero reclamo e que contribúe a afianzar unha imaxe sexualizada das mulleres. E que atenta contra a lexislación vixente en materia de igualdade, loita contra a violencia de xénero e publicidade.

Fademur-Galicia destaca a responsabilidade das empresas na configuración do ideario colectivo. E lamenta fondamente a nula sensibilidade e compromiso coa igualdade que Avigrao evidencia con esta campaña. A Federación reproba que a firma de Melide teña optado por vincular a súa imaxe pública a unha visión absolutamente estereotipada e sexualizada das mulleres; especialmente nociva nun entorno como o medio rural, no que os estereotipos de xénero están aínda especialmente arraigados.

O 38% dos asasinatos machistas deste 2021 producíronse no medio rural. Un entorno no que as mulleres vítimas deste grave problema estrutural permanecen cos seus maltratadores unha media de 20 anos; e no que o medo ao que dirán, a dependencia económica e a presión social e familiar fan que o 72,9% non denuncie aos seus maltratadores. Nese senso, Fademur-Galicia lembra o poder da publicidade como medio capaz de afianzar ou combater o machismo na sociedade. E lamenta os nulos repartos de Pollo Rubio Gallego/Avigrao á hora de empregar a imaxe das mulleres como mero obxecto de consumo; contribuíndo así a perpetrar as problemáticas asociadas ao machismo e dando as costas aos dereitos das mulleres e á loita pola igualdade.

A Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral Contra a Violencia de xénero, no seu Artigo 10, declara “ilícita a publicidade que utilice a imaxe da muller con carácter vexatorio ou discriminatorio”. Igual que o Artigo 3 da Lei Xeral de Publicidade, que tamén declara “ilícita a publicidade que presente ás mulleres de forma vexatoria, ben empregando particular e directamente o seu corpo ou partes do mesmo como mero obxecto desvinculado do produto que se pretende promocionar; ben a súa imaxe asociada a comportamentos estereotipados que vulneren os fundamentos do noso ordenamento, coadxuvando a xerar a violencia á que se refire” a lei anterior. A campaña tamén supón un atentado contra a Lei Orgánica para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes, que no seu argigo 41 considera igualmente ilícita “a publicidade que comporte conduta discriminatoria dacordo con esta lei”.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio