FADEMUR Galicia denuncia o déficit de medios sanitarios que afecta aos municipios da montaña lucense

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 de maio de 2026 – FADEMUR Galicia condena a carencia de profesionais da saúde que padecen os concellos da montaña lucense e respalda a mobilización convocada para este xoves contra o déficit en materia sanitaria que lastra a calidade asistencial que recibe a veciñanza desta zona. A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais critica a política de recortes que a Xunta de Galicia ven impulsando e insta ao Goberno galego a mudar unha estratexia que atenta contra o dereito de acceso da poboación rural a unha sanidade pública de calidade.

A veciñanza dos Ancares desprazarase este xoves ás 11 da mañá ata Lugo para concentrarse ante a Delegación da Xunta de Galicia en protesta pola situación dos centros de saúde. Unha convocatoria que FADEMUR Galicia secundará, e cuxas reivindicacións fai propias.

Centros de saúde que prestan atención por días, ou mesmo por horas; profesonais itinerantes que asumen a asistencia en varios concellos á vez; prazas, baixas e vacacións que non se cubren e que deixan aos pacientes sen posibilidade de acceso a unha consulta ordinaria de xeito reiterado; tempos de agarda e cupos de pacientes elevados; sobrecarga do PAC e Urxencias… A veciñanza dos municipios da Montaña Lucense leva xa moitos meses denunciando a pésima calidade da asistencia sanitaria que recibe.  A falla de profesionais sanitarios supón que, na práctica, a poboación non conte con posibilidade de acceso a unha consulta de atención primaria durante unha gran parte do ano. Ou que teña que asumir desprazamentos que poden chegar a superar a hora de duración para poder ser atendida. Unha situación que merma a calidade asistencial, sobre todo en casos de pacientes crónicos, e leva a un mal uso e saturación de PACs e Urxencias.

FADEMUR Galicia condena unha situación que vulnera o dereito da veciñanza do rural a unha asitencia sanitaria de calidade e que afecta especialmente ás mulleres, que continúan asumindo a maior parte das tarefas de coidados.

A Federación salienta que a dispoñibilidade dun único facultativo e unha ambulancia para cubrir as urxencias nocturnas de cinco concellos que suman máis de 900 quilómetros cadrados pode supoñer unha condena a morte no caso de coincidir no tempo dúas urxencias. E insta a reverter a situación de abandono sanitario que a Xunta de Galicia está a impoñer nunha zona cun índice de avellentamento elevado, e cunhas necesidades asistenciais altas.