FADEMUR Galicia denuncia a prevalencia da violencia machista no rural: o factor territorio inflúe, e é urxente actuar para pechar esa fenda

Fai un chamamento para atallar dunha vez a falla de servizos e recursos de apoio ás mulleres que sofre o rural, e que deixa ás vítimas desprotexidas

19 de novembro de 2025-. FADEMUR Galicia presentou hoxe os resultados da actualización da súa Enquisa sobre Percepción da Violencia de Xénero no Rural. Un traballo que recolle as opinións e experiencias sobre esta lacra das mulleres que forman parte das asociacións que compoñen a Federación, e que pon sobre a mesa unha conclusión clara: o factor territorio inflúe no xeito en que se percibe, se vive e se enfronta a violencia machista, e as administracións deben actuar sen demora para paliar as carencias que contribúen a elo.

6 de cada dez mulleres entrevistadas no marco da Enquisa sobre Percepción da Violencia de Xénero no Rural de FADEMUR Galicia coñece directamente algún caso de violencia de xénero, pero tan só no 45% deles existe denuncia. Así o reflicten os datos recollidos, que dan forma a unha radiografía que amosa que o medo a perder os fillos/as (82%), a dependencia econonómica (80%), a vergoña e a presión social (73%) e o medo a non ser crida (67%) son os principais motivos que frean ás mulleres vítimas á hora de pedir axuda. Pero non só: o 75% opina que a xustiza actúa lentamente, o 90% pensa que as vítimas non teñen apoio suficiente das administracións e o 63% pensa que a denuncia non garante a protección das que sofren esta lacra.

Vivir no rural supón en moitísimos casos non contar cun Centro de Información á Muller nin con ningún recurso de información e apoio ao que recurrir en caso de sufrir violencia, ou un lugar onde poder denunciar. Faltan servizos de proximidade, falta asesoramento, e no medio dese contexto atopámonos con un 25,47% de mulleres vítimas de violencia de xénero que leva máis de 10 anos nesa situación, e cun 21,70% que leva sufríndoa «toda a vida».

O 74% das participantes considera que no rural non existe suficiente información sobre a violencia de xénero, e o 76,77% cre que nos municipios máis pequenos as mulleres non están igual de protexidas que en entornos máis urbanos. En canto a como o sistema protexe ás mulleres vítimas, un número importante (75,10%) considera que se actúa lento, poñendo en perigo ás vítimas; que aínda que denuncies non estás protexida (63,40%); e que existen prexuízos que frean a denuncia e impiden ás vítimas saír da situación na que se atopan (50,70%).

Incorporar o factor territorio aos ámbitos de análise e actuación contra a violencia machista é un dos empeños de FADEMUR. E é que os datos son moi claros ao respecto: dende o ano 2020 o 33,6% das vítimas de violencia de xénero e o 47,36% das vítimas de violencia vicaria do conxunto do estado vivían en poboacións de menos de 20.000 habitantes. Uns datos aínda máis terribles se temos en conta que neses núcleos reside unicamente o 17% da poboación total, da cal evidentemente non todas son mulleres. E en Galicia, os datos son aínda máis significativos e terribles, e dinnos que das 16 mulleres asasinadas dende o ano 2020, 10 vivían en municipios de menos de 20.000 habitantes, o que representa o 62,5%.

Ás portas do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres FADEMUR Galicia pon o foco no factor territorio e insta ás administracións a non continuar ignorando uns datos que falan con claridade das carencias e dos puntos nos que é necesario incidir. Así, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia insta a garantir o acceso de todas as mulleres aos servizos públicos e a suplir as carencias existentes, tanto a causa das distancias físicas como das dificultades de mobilidade existentes.