SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 de xuño de 2026 – A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR Galicia) volveu denunciar hoxe as carencias do Estatuto das Mulleres do Rural de Galicia impulsado pola Consellería do Medio Rural. A organización tilda de insuficiente un texto que non atende, corrixe nen propón solucións para as necesidades existentes, e que debe ser modificado para convertelo nunha ferramenta útil que permita pechas as fendas de xénero presentes no territorio, abordando os problemas estruturais e asentando as políticas de igualdade.
FADEMUR Galicia insta á Consellería do medio Rural a poñer en marcha unha mesa de traballo dende a que reformular con rigor o Estatuto das Mulleres do Rural de Galicia. A pesares das melloras incorporada ao borrador trala súa consulta pública, a organización considera totalmente insuficiente a proposta presentada esta mañá no Consello Agrario. Un borrador que a federación urxe a mellorar para convertelo nun texto ambicioso que garde relación co peso que o sector primario e o medio rural teñen na nosa Comunidade Autónoma.
“Entendemos que un texto desta importancia, que pode e debe marcar un novo espazo e forma de entender as relacións no rural e no sector primario, necesita dun proceso de participación directa que vaia máis aló dunha consulta pública, polo que solicitamos a apertura dunha mesa de traballo na que poder afondar e concretar as medidas que se propoñen”. É a solicitude realizada hoxe por FADEMUR na xuntanza do Consello Agrario, onde a organización lamentou as numerosas eivas que deixa unha proposta normativa que, a pesar de levar xa máis de catro anos en elaboración, continúa adoecendo dunha falta de concreción que a sitúa moi por detrás dos Estatutos que xa aprobaron outras Comunidades Autónomas nas que o peso do sector primario e do territorio rural é menor que en Galicia, como Andalucía ou Asturias.
FADEMUR Galicia reclama un texto que concrete obxectivos e consolide os dereitos das mulleres que habitan o rural galego no que ten que ver coa igualdade de acceos aos recursos público, particularmente ao crédito. A formación solicita que se priorice ás mulleres nos programas de formación, capacitación e emprego e demanda melloras no sistema de seguridade e saúde, especialmente no que ten que ver cos riscos laborais asociados ás actividades agrícolas e gandeiras, con especial atención á maternidade a lactancia.
A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia reclama que o novo Estatuto incorpore medidas para o fomento da titularidade compartida e a incorporación da perspectiva de xénero nas explotacións. Unha prioridade que debe complementarse con medidas de protección social para as mulleres que se incorporan de maneira tardía á cotización co obxectivo de garantir as pensión futuras. Ademais, lembra que a loita contra o declive demográfico e o despoboamento non serán posibles sen a participación das mulleres e demanda medidas que corrixan a múltiple discriminación que estas padecen.
A organización destaca a ausencia de recursos específicos de loita contra a violencia de xénero que padece o rural galego, e esixe que o Estatuto contemple solucións e garanta o acceso de todas as mulleres aos recursos públicos. “Non debemos esquecer que en Galicia, nos últimos 5 anos, os feminicidios nos concellos de menos de 20.000 habitantes representan o 67% do total das vítimas rexistradas”.
FADEMUR lembra ademais o traballo que aínda queda por facer para garantir a visibilidade, participación e posta en valor do traballo das mulleres rurais. Nese sensos, avoga por unha norma que axude a que as mulleres teñan o recoñecemento social que lles corresponde; fomentando a paridade nos órganos de representación institucionais, sectoriais e territoriais e aplicando o sistema de “acción positiva” ás liñas públicas de axudas con impacto no sector primario e no medio rural.
A organización lembra a necesidade de contar cun marco normativo aliñado coas directivas europeas, cos obxectivos da Axenda 2030, o Tratado de Roma, o de Amsterdam e o regulamentos estratéxicos da PAC, que obrigan a avaliar a situación específica das mulleres rurais, e particularmente no sector primario.



