Lugo, 15 de outubro de 2026- Un milleiro de mulleres de toda a xeografía galega congregáronse hoxe en Lugo para celebrar, da man de FADEMUR Galicia, o Día Internacional das Mulleres rurais. Unha data que este ano a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia aproveitou para conmemorar tamén os seus vinte anos de existencia.
O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acolleu unha xornada lúdica e reivindicativa que FADEMUR Galicia aproveitou para facer un repaso ao camiño andado, pero tamén para mirar ao futuro e reforzar o seu compromiso coa igualdade e coa loita polos dereitos das mulleres que habitan o rural galego.
Nun ano de especial importancia para as mulleres rurais debido á súa proclamación por parte da FAO como Ano Internacional das Mulleres Agricultoras, FADEMUR destaca as dificultades para acceder á terra ou ao crédito que estas seguen a enfrontar. Foron cuestións que ao longo da mañá foron debullando as participantes nunha xornada na que se falou de igualdade, de violencia de xénero ou da necesidade de avanzar cara a unha PAC máis xusta, igualitaria e con visión de xénero.
A secretaria xeral de FADEMUR Galicia, Rosa Arcos, foi a encargada de conducir un acto que, na súa inauguración, contou coa participación das presidentas da Federación en Galicia e en España, Verónica Marcos e Teresa López, co secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e coa presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López.
A xornada contou cunha intervención da Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño. Persoa de especial relevancia polo apoio prestado á reclamación impulsada por FADEMUR Galicia para conseguir que os avogados con condenas por violencia machista non puidesen defender ás vítimas a través da quenda de oficio.
Montse Cortiñas, vicesecretaria xeral de UPA, Maricarmen Sánchez, propietaria de Embutidos Suarna, e Raquel García, responsable comercial de frescos de Vegalsa-Eroski, participaron nun coloquio no que se falou de liderado feminino, de emprendemento, de visibilidade e de empoderamento.
Premios María José Arcos
O acto serviu tamén para botar a andar os Premios María José Arcos. Uns galardóns que queren servir como recoñecemento a mulleres que, polo seu traballo, traxectoria, militancia ou aportacións en diversos eidos, son referentes no medio rural galego. Os premios serven ademais como posta en valor e lembranza para a figura da propia María José Arcos; traballadora de Unións Agrarias, sindicalista vinculda á UGT e figura fundamental na creación e posta en marcha de FADEMUR.
Felisa García Corbal, gandeira de Cospeito e afiliada a Unións Agrarias dende 1991, e Elisa Rial Fariña, gandeira de Santa Comba e afiliada dende 1988, recibiron o premio “As que nos trouxeron ata aquí” polo seu compromiso co rural e co sector agrogandeiro, polo seu compromiso co activismo social, polo súa participación na organización e nas mobilizacións en defensa do sector primario.
A regueifeira Lupe Blanco foi premiada polo seu compromiso coa lingua, coa tradición oral, co rural, e coa igualdade. E a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, foi a última das premiadas polo seu compromiso coa violencia de xénero e coas necesidades do rural.
O acto contou cunha zona de exposición e venda de produtos agroalimentarios e artesáns con case 40 expositoras e culminou coa actuación musical de Lupe Blanco, do grupo Teté Teatro e do Grupo tradicional de pandeireteiras A Volta do Agro.


















































