Fademur-Galicia condena o desmantelamento de servizos bancarios no rural

Critica os peches de oficinas en distintas vilas e reivindica o dereito da veciñanza a manter esta cobertura

Santiago, 29 de xuño de 2021-  A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia condena o demantelamento de servizos bancarios que está a padecer o rural galego. O colectivo critica os peches de oficinas que están a desenvolverse por distintos puntos da xeografía galega. Unha iniciativa que agranda aínda máis a fenda entre rural e urbano e condena á veciñanza de numerosas áreas rurais a asumir desprazamentos quilométricos para acceder á oficina máis próxima da súa entidade.

Fademur-Galicia súmase ás reivindicacións dos gobernos locais e da cidadanía que nos últimos días está a amosar o seu malestar ante os novos peches de oficinas anunciados por Abanca en localidades como Cerdido, As Nogais ou a parroquia de Seixo, en Marín. A federación considera intolerable a política de centralización que está a impulsar a entidade. E reivindica o dereito de veciñas e veciños a seguir contando cunha atención de proximidade.

Dende 2008 Galicia perdeu a metade das súas oficinas bancarias, que pasaron das 2.539 existentes naquela data ata as pouco máis de 1.200 que quedan hoxe. Fademur-Galicia lembra que, unha vez máis, a veciñanza rural está a ser a gran perxudicada por unha tendencia que reduce aínda máis o catálogo de servizos de proximidade dispoñibles en moitas vilas. A Federación destaca que o interese particular das entidades non pode poñerse por enriba do dereito das persoas usuarias da banca a manter esa cobertura. E lembra as deficiencias que o rural galego padece no que a cobertura dixital se refire. Carencias que fan inviable a aposta pola banca dixital que pretenden impulsar as entidades.

Publicacións creadas 88

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio