FADEMUR Galicia condena a campaña do 25N da Xunta de Galicia

Lamenta o máis que inapropiado enfoque de Igualdade, que focaliza o problema nas mulleres e responsabilízaas da violencia machista

 

Santiago, 25 de novembro de 2022- FADEMUR Galicia súmase ao listado de colectivos que nas últimas horas teñen condenado a campaña promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade con motivo do 25 de novembro. A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia considera totalmente inapropiada unha campaña que pon o foco nas mulleres, nas súas condutas, xeitos de vestir e de actuar para responsabilizalas da violencia machista que padecen.

FADEMUR Galicia lamenta a falta de rigor e a escasa conciencia de xénero que destila unha campaña que de ningún xeito debera ter sido financiada con fondos públicos. Menos aínda do departamento autonómico que ostenta a máxima responsabilidade en fomento da igualdade e loita contra as violencias machistas.

A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia entende que calquera acción promocional impulsada dende a administración pública debera pasar os máis estritos filtros no que a enfoque de xénero se refire. Algo que non ten acontecido no caso dunha campaña retrógrada, pragada de tópicos machistas e moi afastada da loita e das reivindicacións actuais das mulleres.

Se ben observada no seu conxunto a nomeada campaña semella falarlle aos agresores, e aínda presupoñendo que o que tentaba era cuestionar as condutas destes; o certo é que as distintas pezas nas que se subdivide transmiten a idea contraria, afondando na culpabilización das mulleres e transmitindo a idea de que son elas coa súa maneira de actuar as que incitan a violencia que padecen. Unha mensaxe totalmente inadmisible sobre a que a administración debera dar explicacións.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio