A xornada “APODERADAS: O rural tamén é noso” congregou preto de 300 mulleres
FADEMUR Galicia celebrou o sábado, 7 de xuño, a xornada “APODERADAS: o rural tamén é noso”. Unha cita para visibilizar e poñer en valor o papel das mulleres no desenvolvemento socioeconómico do rural galego que reuniu preto de 300 mulleres en Monforte de Lemos.
O emprendemento rural é feminino. A cifra de emprendementos impulsados por mulleres no medio rural multiplica casi por 3,1 a de proxectos con homes á fronte. Ademais, se ben a actividade emprendedora total é maior nas contornas urbanas, a porcentaxe de mulleres que optan por esta vía é superior no rural. Uns datos que demostran a importancia do papel que elas desenvolven no tecido socioeconómico do rural galego.
O restaurante Don Manuel acolleu unha xornada que FADEMUR organizou coa colaboración do Concello de Monforte e a Deputación de Lugo. O presidente da Deputación lucense, José Tomé Roca; a presidenta de FADEMUR, Teresa López; o secretario xeral de Unións Agrarias-UPA, Roberto García; e a presidenta de FADEMUR Galicia, Verónica Marcos, interviñeron nun acto de apertura ao que seguiu unha mesa redonda moderada pola xornalista Manola Porto.
Carmen Díaz, do Foro Feminista de Lugo; Iria Campo, produtora de vacún de leite; Noelia Solar, emprendedora responsable de Esencia Viva; Tamara Castro, propietaria de Sacrapastas; e Sonia Expósito, agrónoma e colaboradora dunha explotación familiar; foron as emprendedoras seleccionadas para debullar experiencias e puntos de vista nunha mesa redonda que, ao igual que toda a xornada, foi retransmitida en streaming a través da páxina da federación en Facebook.
A xornada completouse cunha conferencia a cargo de Rosa Romero Franco, directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo; e cun acto de clausura no que participaron Gloria Prada, tenente de alcalde do Concello de Monforte, e Rosa Arcos, secretaria xeral e directora de proxectos de FADEMUR Galicia. Tralo xantar, as asistentes continuaron a xornada cunha tarde de actividades complementarias en grupo para traballar nos coñecementos adquiridos na xornada da mañá.









