Fademur-Galicia celebra en Lugo A Forza das Mulleres Rurais

Emprendedoras, influencers, cineastas, gandeiras ou poetas participarán nas dúas mesas redondas incluídas no programa

Mércores, 22 de febreiro de 2022 – Arredor de trescentas mulleres congregaranse este xoves no Museo Interactivo da Historia de Lugo para participar na Xornada A Forza das Mulleres Rurais, coorganizada por Fademur-Galicia e a Deputación de Lugo coa colaboración do Concello de Lugo. A Caixa Negra será o espazo no que, ao longo da mañá, se sucederán as intervención da decena de participantes nas dúas mesas redondas programadas; que estarán arroupadas por autoridades das administracións local e provincial, así como da Xunta de Galicia e o Ministerio para a Transición Ecolóxica o Reto Demográfico.

Divulgar a realidade do rural coas súas debilidades, carencias e tamén fotalezas é o obxectivo dunha xornada que porá o foco sobre o papel das mulleres como motor do emprendemento e a loita contra o abandono. Tralo acto de inauguración, previsto para as 10:30 da mañá, a xornada arrincará coa mesa redonda sobre “Experiencias Emprendedoras”, na que cinco mulleres da provincia de Lugo exporán vivencias e puntos de vista. Carmen Sánchez Iravedra, fundadora de Embutidos Suarna; Míriam Fernández Otero, emprendedora dedicada ao tecido do liño da firma Fusaiola; Ana Corredoira Vázquez, gandeira membro da Cooperativa As Vacas da Ulloa e unha das emprendedoras detrás de Leite Sen Máis; Marta Álvarez Quinteiro, a outra metade desa marca láctea e representantes de Granxa Maruxa, unha explotación láctea diversificada na elaboración de cosméticos Muuhlloa; e Laura Vallejo Castro, gandeira, traballadora forestal e influencer imaxe de marca de Husqvarna; serán as participantes.

A xornada continuará cunha segunda mesa redonda sobre “Alianzas para cambiar o relato. Realidade e imaxe”, da que formarán parte Olga Novo, Premio Nacional de Poesía; Dani de la Torre, director, realizador e guionista de cine; Oliver Laxe, director, guionista e actor de cine; Francesc Boya Alós, secretario xeral para o Reto Demográfico do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico; e María José Gálvez Salvador, directora xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte.

A conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, serán as encargadas da clausura dunha xornada que inaugurarán a presidenta de Fademur, Teresa López; o secretario xeral de Unións Agrarias-UPA, Roberto García; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; e a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera. E que contará tamén coa participación da presidenta de Fademur-Galicia, Verónica Marcos, da vicesecretaria xeral da UPA e secretaria de Fademur, Montse Cortiñas, e da xornalista Aida Pena.

Publicacións creadas 102

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio