O proxecto “Emprendimiento sosteNible: Compartiendo Experiencias” divulga a experiencia de pequenas emprendedoras e potencia o autoemprego e o valor dos recursos de proximidade
Santiago, 31 de xullo de 2024- Poñer en valor as posibilidades de desenvolvemento socioeconómico que agocha o rural e animar ás mulleres a apostar polo autoemprego e a facer realidade as súas ideas de negocio. Ese é o obxectivo de “Emprendimiento sosteNible: Compartiendo Experiencias”; un proxecto desenvolto por FADEMUR Galicia coa colaboración do Plan Social Ence Pontevedra que ten feito da experiencia das pequenas emprendedoras rurais exemplo e fonte de inspiración.
Queixos Mazarico, de Monterroso; o albergue O Refuxio do náufrago, de Camelle; a repostería de Algareira by Silvina Muñoz, de Vimianzo; a cooperativa de agricultura ecolóxica e rexenerativa Labrecos, de Oza-Cesuras; a marca de deseño e confección de bolsos Llenova, de Noia; os bonecos artesanais de Lucecús, de Vilalba; Embutidos Suarna, de Navia de Suarna; Licores Os Maios, de Leiro; e a froita deshidratada de Trasdeza Natur, en Silleda; son as iniciativas que teñen participado nun proxecto que, alén da divulgación destes modelos de negocio, tamén ten posto en marcha unha canle de asesoramento e información para pequenas emprendedoras.
As mulleres xogan un papel fundamental na loita contra o avellentamento e o despoboamento que afectan ao medio rural. Nos pequenos núcleos o paro cébase moito máis con elas, que soportan un 38,4% de taxa de inactividade fronte ao 15,1% dos homes. Ademais, as que si traballan teñen peores condicións salariais e menos estabilidade, cunha maior prevalencia no que a contratos temporais, fixos-discontinuos ou a xornada parcial se refire. Do mesmo xeito, son as mulleres as que seguen a levar a carga das tarefas de coidados e da crianza nun rural lastrado pola falla de servizos que faciliten a conciliación. Un contexto que fai imprescindible mellorar as súas opcións de empregabilidade e, con elas, promover o tecido socioeconómico e contribuír a fixar poboación para garantir un rural vivo e con futuro.
A pesar desa realidade, non é menos certo que o rural galego está poboado de pequenos emprendementos ideados e impulsados por mulleres que teñen sabido converter as súas ideas en negocios solventes. E nelas ten posto o foco «Emprendimiento sosteNible: Compartiendo Experiencias»; un proxecto impulsado para divulgar experiencias de éxito diversas, conectadas pola súa decidida aposta polos recursos de proximidade e a sustentabilidade ambiental, social e económica.
A través dos testemuños das emprendedoras participantes, o proxecto ten achegado á poboación rural, con especial énfase nos colectivos de mulleres, información sobre os desafíos específicos que enfrontan as emprendedoras que desenvolven a súa actividade lonxe dos núcleos urbanos máis grandes; así como consellos, solucións e distintos recursos para facerlles fronte divulgados a través de newsletters periódicas e mediante un servizo de business consulting online.
Apoiar ás emprendedoras rurais e axudalas a mellorar e facer avanzar os seus negocios é un dos empeños de FADEMUR, que nesta ocasión ten contado coa colaboración de ENCE para facelo posible.




