Logo de dez días de intensa actividade en explotacións e negocios rurais vinculados ao sector agroalimentario de Austria, Italia e Francia, o FADETour europeo impulsado por FADEMUR e Ikea no marco do Plan Allen Rural conclúe hoxe. As participantes poñen rumbo de volta á casa coas maletas cargadas de satisfacción, aprendizaxes, empoderamento e unha visión máis ampla e transversal da actividade agrogandeira e das posibilidades de diversificación ligadas a ela.
A Xira Europea de FADEMUR ten permitido ás 40 participantes achegarse a outras realidades e xeitos de traballar. Unha posibilidade que todas elas valoran e que, alén de cuestións prácticas e novas ideas para aplicar nas súas respectivas explotacións, se ten convertido nun importante motor de empoderamento.
A creación de sinerxias e redes de apoio que ven da man do Plan Allen Rural e, máis concretamente, deste tour europeo, á un dos aspectos que deixan un mellor sabor de boca ás emprendedoras participantes. Así o destacan Mónica Brey, Teresa Molina e Silvia Seoane; as tres profesionais do agro galegas que, xunto á presidenta de FADEMUR Galicia, Verónica Marcos, teñen disfrutado desta viaxe formativa.
O FADETour europeo ten permitido ás participantes coñecer novas posibilidades de diversificación ligadas ao ecoturismo, ao benestar ou ao traballo socioeducativo con colectivos en risco de exclusión ou cativada, así como para a comercialización directa da produción ou ligadas ao marketing.
Logo dun percurso que lles ten permitido coñecer de primeira man o día a día e o xeito de traballar de 13 emprendementos rurais «de éxito, inspiradores e innovadores», as participantes emprenden o camiño á casa cunha visión máis ampla do sector e máis convencidas aínda se cabe da capacidade de diversificación e de transformación do entorno da actividade agrogandeira e, máis concretamente, dos pequenos emprendementos e da agricultura e da gandería familiar.
O intenso programa de visitas ten permitido ás participantes coñecer novos xeitos de transformación e diferentes posibilidades para aportar valor á produción, impulsar a autosuficiencia e reducir a dependencia de intermediarios.

























