“CULTIVANDO IGUALDADE” ESPAZOS SEGUROS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO NO MEDIO RURAL

 

“Cultivando Igualdade”, xorde tras 20 anos de experiencia, co obxectivo de denunciar a situación de especial vulnerabilidade que sofren as mulleres rurais ante a Violencia de Xénero, e para promover a creación de espazos de seguridade persoal e colectiva para as mulleres do noso medio rural.

Dende a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR) estamos a presentar o programa Cultivando Igualdade, co obxectivo de continuar e complementar os traballos que vimos realizando pola igualdade e o progreso das mulleres que habitan e traballan no medio rural e en contra das violencias machistas.

É Importante lembrar a dobre discriminación que viven as mulleres rurais, ben polo xénero, ben por que son habitantes das marxes; esta iniciativa Cultivando Igualdade traballa co fin de poñer o foco en como se caracteriza a Violencia de Xénero no medio rural, e cales son os factores que aumentan o risco de que as mulleres sexan vítimas de Violencia de Xénero.

Por un lado, sinalar a caracterización da Violencia de Xénero no medio rural implica afondar nas causas desa invisibilidade e descoñecemento social; no silencio das vítimas, o illamento e a soidade; a falta de recursos especializados, as dificultades no acceso aos mesmos, así como a falta de anonimato nos recursos de atención.

Por outro, ao falarmos de factores que teñen incidencia, debemos ter presentes tamén as dificultades para ter unha independencia económica e social, a falta de oportunidades laborais e educativas, a dificultade para cumprir ordes de afastamento, o control social, as estruturas de poder e a supervivencia dos roles sexistas.

Co fin de loitar contra esta lacra social e mellorar a situación das vítimas dunha maneira comprometida, dende FADEMUR poñemos en marcha o programa Cultivando Igualdade, cuxos obxectivos son claros e estarán materializados en diferentes actividades, que se porán en funcionamento polo territorio rural galego a partir de Outubro.

Imos polo tanto a levar a cabo campañas de concienciación para a tolerancia cero da Violencia de Xénero en todas as súas formas. Cultivando Igualdade componse de actividades de sensibilización adaptadas ao medio rural, inclúe 4 modalidades diferentes de talleres para a prevención da Violencia de Xénero. Os talleres estarán dirixidos a adolescentes e a mulleres rurais, co fin de tecer unha Rede de Espazos Seguros contra a Violencia de Xénero na súa contorna, visibilizar as distintas formas de Violencia de Xénero, informar sobre os recursos e protocolos de actuación ante a mesma, e traballar o empoderamento e acompañamento das vítimas no seu proceso de saída.

As actividades presenciais, levaranse a cabo cumprindo escrupulosamente coas medidas de prevención en materia COVID19 en vigor en cada concello. Iniciamos o programa, este mes de outubro, nos Concellos de Tui, Lugo, Forcarei, Vimianzo, O Grove, Rodeiro, Santiago de Compostela e Sobrado dos Monxes. Para novembro e decembro programaremos novos concellos.

Asinando o compromiso Cultivando Igualdade, as institucións participantes pasarán a formar parte da Rede de Espazos Seguros contra a Violencia de Xénero.

O noso programa tamén conta coa posibilidade de formarse a distancia polo que persoas interesadas teñen dispoñible a opción online na web: www.cultivandoigualdade.org.

Publicacións creadas 88

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio