Coidándonos – MaiorTic

 

FADEMUR Galicia, concorre anualmente á convocatoria de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades.

Nesta convocatoria 2025, estamos a desenvolver os programas Coidándonos e MAIORTIC

Coidándonos

Co programa «Coidándonos» estamos a fomentar o autocoidado das mulleres coidadoras de persoas dependentes no medio rural, proporcionándolles ferramentas e recursos que promovan o seu benestar físico, emocional e social, co fin de mellorar a súa calidade de vida e a das persoas ao seu cargo.

Así tentamos dar resposta ás necesidades das persoas coidadoras que adican a súa vida ao coidado doutras persoas, a través de dúas grandes liñas de actuación: 

  • Información e asesoramento en técnicas de autocoidado da man de entidades expertas nos coidados de persoas dependentes: hixiene postural, materiais máis idóneos, coñecemento de recursos e axudas para persoas dependentes e coidadoras, por exemplo a través de Faladoiros coas mulleres.
  • Formación en materia de benestar para as coidadoras: cómo xestionar o seu tempo, como organizar a súas tarefas, fomentar unha rede de apoio (dentro e fora da casa), a xestión emocional (a asertividade e a comunicación como principais aspectos a fomentar) e técnicas de relaxación.

COIDÁNDONOS pon o foco na importancia dos autocoidados de quen exerce as labores de coidado para promover o seu benestar físico e emocional, e a repercusión que isto terá sobre as persoas maiores ou dependentes.

MAIORTIC

O acceso ás novas tecnoloxías converteuse nun factor que acentúa as diferenzas entre zonas urbanas e rurais, tamén marca unha fenda xeracional, así como  entre homes e mulleres. Este desaxuste fai necesario actuar para eliminar estas desigualdades.

A fenda dixital fai que as persoas que residen no rural non teñan as mesmas oportunidades, e a fenda xeracional provoca que as persoas maiores teñan un acceso moi limitado ás TIC por falta de formación e servizos. Esta situación leva a unha exclusión progresiva da sociedade, agravada polos rápidos avances tecnolóxicos, xerando novas formas de discriminación e marxinación.

Tamén é importante destacar a presenza dunha fenda dixital de xénero, que limita aínda máis o acceso das mulleres. Ante esta situación, traballamos por ofrecer solucións para superar estas fendas dixitais, tanto xeracionais como de xénero, e integrar ás persoas maiores na sociedade, facéndoas partícipes dela.

No programa MAIORTIC, Temos dúas liñas de actuación:

  • Obradoiros «Uso do móbil»: Ensinará o uso de ferramentas básicas como activar alarmas, gardar contactos de emerxencia, empregar a xeolocalización, realizar xestións de citas médicas, o WhatsApp e de aplicacións que favorezan o seu contacto social e a comunicación con familiares e amigos .
  • Obradoiros de  «Estimulación Cognitiva» mediante a elaboración de Cadernos de Actividades lúdicas para exercitar a súa memoria e atención.