COIDÁNDONOS

Promover o autocoidado das coidadoras, recoñecendo a importancia do seu benestar físico, emocional e social, ese é o obxectivo do programa.

A través de ferramentas e recursos específicos, Coidándonos contribúe a mellorar da calidade de vida das persoas coidadoras e, por extensión, á das persoas maiores ou dependentes ás que coidan.

A través do programa COIDÁNDONOS, traballamos para acompañar e apoiar emocionalmente ás mulleres coidadoras informais do rural galego, recoñecendo o seu papel fundamental e ofrecéndolles un espazo propio para coidarse mentres coidan.

O rural galego envellece a un ritmo acelerado e os coidados recaen maioritariamente sobre as mulleres, moitas veces sen formación específica, sen apoio profesional e en situacións de illamento e sobrecarga emocional. COIDÁNDONOS nace precisamente para dar resposta a esta realidade invisible, achegando recursos directamente ás mulleres que sosteñen os coidados nos concellos rurais das catro provincias galegas.

O programa estrutúrase arredor de obradoiros presenciais participativos que abordan temas como o recoñecemento do rol de coidadora, a resiliencia e a xestión emocional, a saúde propia e a prevención de patoloxías frecuentes, os hábitos saudables e o autocoidado, ou o acompañamento nos procesos de duelo e perda. Ao longo de todo o ano, ofrécense tamén espazos de apoio emocional grupal e asesoramento individualizado para aquelas participantes que o necesiten.

Todo o traballo vai acompañado dunha perspectiva comunitaria que busca romper co illamento, crear vínculos entre coidadoras da mesma contorna e visibilizar socialmente o seu traballo, tan esencial e tan frecuentemente invisible.

O programa COIDÁNDONOS, que chega á súa sexta edición, consolídase como unha iniciativa esencial no rural galego: un espazo real de apoio, adaptado á realidade das mulleres que coidan, e sostido polo compromiso de FADEMUR Galicia de que ninguén quede atrás polo feito de vivir no rural.